‘Conversas con arte’, a serie de conferencias coa que a Deputación de Pontevedra quere impulsar aos artistas locais

A figura de José María Barreiro, o artista “da alegría de vivir” abriu o ciclo de conferencias da Deputación de Pontevedra que o vicepresidente da entidade, Rafa Domínguez, calificou de “programa moi necesario” debido a que “estamos a vivir un renacemento cultural en Galicia sen precedentes e as institucións debemos cumprir e apoiar, na medida das nosas posibilidades, este inmellorable momento”.

‘Conversas con arte’ responde, ademais, a unha aposta do vicepresidente provincial a través do Museo de Pontevedra para remarcar o papel destacado da provincia no ámbito artístico. “Os estudosos calculan –afirmou o vicepresidente- que existen máis de mil artistas de contrastada calidade nesta fermosa e creativa cidade onde conflúen a Facultade de Belas Artes, a Escola de Restauración e Conservación de Bens Culturais, a Escola de Cantería e o Museo de Pontevedra”. E, entre eles, Domínguez enxalzou a vida e obra de José María Barreiro, “un dos artistas máis importantes de Galicia”, co que foi posible dialogar no Salón de Plenos e observar como elabora unha das súas creacións. A presentación de Barreiro correu a cargo de Antón Castro, “un dos máis importantes teóricos da Historia de Arte de Galicia, que acaba de chegar a Pontevedra tras impartir unha serie de conferencias en Milán”, detallou o vicepresidente.

Tralo arranque de “Conversas con arte”, da man de José María Barreiro, o programa continuará nos vindeiros meses con outras figuras e artistas de impacto internacional con vínculo coa provincia. O obxectivo é difundir as diferentes manifestacións artísticas que xurdiron e xorden na provincia, así como as grandes personalidades vencelladas a diferentes movementos nadas ou relacionadas con Pontevedra.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego