A gala dos XXVII Premios de Teatro María Casares chegará este xoves, a partir das 20.30 horas, ao Teatro Rosalía de Castro da Coruña e poderase seguir a través do youtube. Un total de 15 espectáculos compiten polas 16 categorías nas que se dividen os galardóns. ‘As que limpan’, de A Panadaría, e ‘Ás oito da tarde, cando morren as nais’, do CDG, optan a nove premios cada unha. Clara Gayo lerá o manifesto galego do Día Mundial do Teatro e Cloti Vaello recollerá o Premio de Honra Marisa Soto
Quince obras finalistas
O espectáculo Ás oito da tarde, cando morren as nais, do Centro Dramático Galego, aspira neste 2023 a levar nove premios María Casares (dirección, dirección de movemento, actriz secundaria, actor secundario por partida dupla, espazo escénico, iluminación, texto orixinal e vestiario), igual que a obra As que limpan, da compañía A Panadaría (espectáculo, dirección, dirección de movemento, actriz protagonista, actriz secundaria por partida dupla, espazo sonoro, maquillaxe e texto orixinal).
Smoke on the water, de Ibuprofeno Teatro, pelexará por seis galardóns (actor protagonista, actriz protagonista, actor secundario, espazo escénico, espazo sonoro, maquillaxe), como tamén o fará O porco de pé, de Producións Teatráis Excéntricas (espectáculo, adaptación-tradución, actriz protagonista, actor protagonista, actor secundario e vestiario).
Continente María, de Ainé Producións e A Quinta do Cuadrante, opta a cinco Premios María Casares (dirección, texto orixinal, actriz protagonista, espazo sonoro e iluminación), mentres que O Deus do Pop, de Diego Anido, aspira a catro galardóns (espectáculo, actor protagonista, dirección de movemento e iluminación). Por idéntico número de premios compite A peste, do Centro Dramático Galego (adaptación-tradución, actriz secundaria, espazo escénico e vestiario).
Ragazzo, da compañía Barrosanta, aspira a dous galardóns (actor protagonista e adaptación-tradución). Por un premio pelexarán Papagena, de Butacazero (maquillaxe); e Ninja, de Teatro Ghazafelhos; Wombo combo, de Galeatro, e A nena que vivía nunha caixa de mistos, de Caramuxo Teatro. Estas tres pezas competirán unicamente polo premio ao mellor espectáculo infantil.
Polo premio de nova creación para os espectáculo de monicreques, obxectos e figuras animadas competirán tres montaxes que tamén son finalistas unicamente nesta categoría: A barca do inferno, de Nauta Teatro; Raio The Loubican, de mircromina, e Xela contra o Dragón Traga-verbas (Títeres Cachirulo).