O audiovisual galego atoparase na xornada ‘Conecta +‘ que terá lugar este sábado no Pazo provincial da Deputación de Pontevedra grazas á institución provincial e á Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización (CREA). Trátase dunha xornada de networking na que creadoras e creadores audiovisuais que conten con proxectos en desenvolvemento terán a posibilidade de reunirse con profesionais de preto dunha quincena de produtoras galegas e do conxunto do Estado, que poidan estar interesadas nos seus proxectos.
Que é ‘Conecta +’?
Conecta + vai dirixido a un amplo abano de profesionais do audiovisual, tanto creadores e creadoras, como directores e directoras e guionistas de cine e televisión que están elaborando proxectos de cinema e televisión, como produtores e produtoras profesionais especializados na posta en marcha de produtos audiovisuais, interesados en atopar novos proxectos e profesionais cos que acudir conxuntamente ao mercado. As e os primeiros poderán presentar os seus proxectos a produtoras coas que poderán establecer unha colaboración profesional ou, polo menos, recibir opinións e orientacións que poidan axudarlles a reflexionar sobre o mesmo e contribuír a fortalecelo. No caso das produtoras, terán a oportunidade de coñecer proxectos e novas creadoras e creadores cos que poderán chegar a establecer relacións profesionais.
A xornada permitirá tamén escoller o sexto dos proxectos que participarán no Laboratorio Cultural Conecta Lab no que, a través de asesorías de guión e dirección que serán impartidas por profesionais de gran prestixio no sector, preténdese impulsar e acompañar o proceso de creación, escritura e desenvolvemento de longametraxes e series, un proceso que culminará coas “residencias” que terán lugar na Illa de San Simón ao longo do mes de abril de 2023.