A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) convoca os IV Premios Mil Primaveras a proxectos de posta en valor e fomento do galego co obxectivo de recoñecer e difundir o traballo ben feito no ámbito da normalización lingüística. Os premios recoñecerán accións, programas, campañas, proxectos etc. que teñan como obxectivo a promoción do uso e do prestixio da lingua galega.
Nesta cuarta edición existen varias novidades. Por exemplo, poderán ser candidatos os proxectos que tivesen vixencia, total ou parcialmente, en 2019, 2020, 2021 ou 2022.
Desaparecen as categorías en que se clasificaron os premios nas tres edicións anteriores e recoñecerase un máximo de catro accións, campañas, programas ou proxectos, sen establecer ningunha xerarquía entre os premios que se outorguen.
Por outra parte, aumenta o número de anos de vixencia dos proxectos candidatos, pois poden presentarse proxectos desenvolvidos total ou parcialmente nos últimos catro anos: 2019, 2020, 2021 ou 2022.
Os Premios Mil Primaveras non teñen dotación económica. Con eles procúrase o recoñecemento e a ampla difusión das accións, programas ou proxectos escollidos polo xurado. A inscrición faise a través dun formulario dispoñible en www.milprimaveras.gal. Os proxectos deben presentarse por separado sen que haxa límite no número de candidaturas que se poden rexistrar. O prazo para inscribir proxectos estará aberto até o 31 de xaneiro de 2023.