‘Coñecendo a historia dos medios en galego’, a guía didáctica que vén de lanzar AMEGA

A Asociación de Medios en Galego (AMEGA) vén de lanzar a guía didáctica Coñecendo a historia dos medios en galego, un recurso educativo que busca achegar ao alumnado do ensino secundario a realidade do xornalismo na nosa lingua. A publicación, realizada coa colaboración da Deputación da Coruña, está dispoñible para descarga libre e será impartida en diversos centros educativos da provincia.

A guía, elaborada por Mazarelos Sociedade Cooperativa Galega, Miguel Rodríguez e Brais Ferreiro, e enmarcada dentro do décimoprimeiro aniversario de AMEGA, estrutúrase en diversas propostas didácticas que combinan o coñecemento histórico cos desafíos actuais da comunicación en galego. A súa metodoloxía fomenta o pensamento crítico do alumnado e promove o uso dos medios en galego como ferramenta transversal na educación.

O material será traballado en centros de diferentes localidades, como o IES Punta Candieira (Cedeira), o IES de Cacheiras (Teo) e o CPI Virxe da Cela (Monfero), permitindo que o alumnado coñeza desde a historia dos primeiros xornais en galego ata a situación actual da prensa, radio, televisión e medios dixitais.

O presidente de AMEGA, Pablo García Fernández, destacou que esta iniciativa “é un paso máis para fortalecer a presenza do galego nos medios de comunicación e garantir que as novas xeracións valoren e empreguen a nosa lingua tamén no ámbito informativo”.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego