Diante das provocacións protagonizadas os últimos días por parte dun grupo ultra que está a contratar valados publicitarios para deturpar os nomes oficiais de varias localidades galegas, A Mesa pola Normalización Lingüística convoca a cidadanía a concentrarse este venres, día 30 de xuño, ás 12h, no Obelisco da Coruña para defender a toponimia oficial das nosas cidades e vilas.
A cidadanía respondeu masiva e inmediatamente a través das redes sociais á colocación destas provocacións nas rúas do país, o que obrigou a retirar algúns dos valados, pero a entidade de defensa da lingua considera necesario amosar tamén nas rúas a oposición frontal ás agresións galegófobas e defender, unha vez máis, a Lei de Normalización Lingüística , que no seu artigo 10 establece que “a única forma oficial dos topónimos é a galega”.
A Mesa recorda que os poderes públicos deben actuar en defensa da lei e contra o uso reiterado e sistemático das formas deturpadas tanto nesta campaña publicitaria como na sinaléctica, nos medios de comunicación ou mesmo mapas dixitais como os de Google. “Atacar e ocultar a nosa toponimia é facelo tamén coa nosa dignidade colectiva e a capacidade de dicirlle ao mundo quen somos e onde estamos”, defende un manifesto promovido na rede pola entidade de defensa da lingua. “E tanto a Xunta de Galiza como o Goberno español e os concellos deben tomar todas as accións necesarias para garantir o cumprimento da legalidade na toponimia, instar as compañías de xeolocalización a que empreguen as formas correctas e oficiais dos nomes de lugar e manifestarse contra as campañas de odio á lingua galega e á denominación do seu territorio”, defenden.