Como afectará o Consello Municipal da Cultura á Coruña? Falan PSOE, Marea Atlántica e BNG

O goberno local da Coruña aprobou o 15 de xullo de forma inicial o regulamento do Consello Municipal da Cultura cos votos a favor do PSOE, a Marea Atlántica e Podemos xunto co abstención dos populares e nacionalistas. Agora, atópase en período de exposición pública para logo aprobarse definitivamente. Este proxecto novidoso na xestión cultural está a piques de seren desenvolto mais, sabemos realmente como se producirá? Como afectará o Consello Cultural da Coruña á cidade?

José Manuel Lage (PSOE): “É unha canle aberta de participación ás fundacións e entidades culturais da cidade”

A influencia da pluralidade, o talento e o espírito crítico do sector cultural na cidade é unha das facetas que o goberno local destaca do Consello Municipal da Cultura. O portavoz do goberno da Coruña, José Manuel Lage, tamén explica ante as cámaras de Nós Televisión o funcionamento do organismo que estará presidido pola alcaldesa, Inés Rey, e contará coa representación dos partidos políticos presentes en María Pita así como a Consellaría de Cultura da Xunta, a Universidade da Coruña e funcións e asociacións do sector cultural da cidade.

María García (Marea Atlántica): “Parécenos moi interesante o arraigo no local, é a cultura que fai de Coruña a cidade que é”

“É unha demanda histórica do sector”, sostén a concelleira da Marea Atlántica María García. O proxecto, que sae adiante tras o pacto orzamentario entre o PSOE e Marea Atlántica, baséase no diálogo entre o sector cultural e o concello segundo salienta a propia edil. “O importante é a interlocución de ti a ti entre o sector cultural, coa súa diversidade, e o concello”.

“Parécenos moi interesante o arraigo no local, é a cultura de proximidade, a cultura que fai de Coruña a cidade que é”, destaca García que afirma que “a repercusión (da aprobación deste novo organismo) ten que ser que as políticas que se deseñen dende o goberno local sexan máis certeiras”. Ao mesmo tempo, ante as reprobacións dos partidos que se abstiveron na súa votación, o BNG e o PP, detalla: “as críticas a este Consello sobre participación políticas son infundadas porque o Consello de Cultura ten a participación de todos os partidos políticos” e sostén que o regulamento levouse ao pleno do Concello “para que os grupos puideran facer emendas e non se presentou ningunha”.

Avia Veira (BNG): “Hai cuestións mellorables no regulamento do Consello da Cultura Municipal e, por suposto, ímolas propor”

A concelleira do BNG na Coruña, Avia Veira, saúda a creación do Consello Municipal da Cultura aínda que para as nacionalistas o proxecto ten aínda moito que mellorar. “Saudamos a súa creación, en primeiro lugar, porque nós fomos quen o propuxemos a través dunha moción facéndonos eco dunha demanda do sector cultural da cidade”, sostén, “aínda que o regulamento aprobado ten cuestións moi mellorables para facer un espazo de diálogo”. O BNG explica que este Consello da Cultura Municipal debería reunirse máis veces, a súa composición tería que ser máis ampla e botan en falta que a Real Academia Galega apareza como membro nato deste organismo ao igual que o Conservatorio de Música e o de Danza, a Escola Municipal de Música ou a Banda Municipal de Música.

A maiores, piden unha maior definición das funcións do propio Consello da Cultura Municipal e que realice un informe anual. “Cremos que estas son cuestións mellorables no regulamento e, por suposto, ímolas propor”, sostén a nacionalista que non dubida en que A Coruña “ten todas as características para ser practicamente a capital cultural do noso país“.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego