A nova Lei Xeral de Comunicación Audiovisual entrou en vigor o 9 de xullo outorgando tres meses de marxe para adaptarse á norma logo de ser publicada no Boletín Oficial do Estado (BOE). A norma fala da preservación da “diversidade cultural e lingüística” mais organizacións como A Mesa pola Normalización Lingüística xa advertiu que a presenza do galego nas plataformas e canles de televisión será “testemuñal” xa que a opción do galego no catálogo de emisión das plataformas non será obrigatorio, a nova lei só fixa cotas mínimas para o castelán. Polo tanto, como afectará concretamente a nova norma á nosa lingua? Realmente a vai protexer o galego ou vaino deixar desamparado?
A Lei Audiovisual, a debate na USC
Profesionais do audiovisual, representantes das entidades de defensa das linguas minorizadas e persoal investigador en comunicación analizarán a Nova Lei Audiovisual na USC o xoves 15 de setembro a partir das 9 horas unha completa xornada de reflexión e de análise que terá lugar na facultade de Ciencias de Comunicación da USC.
A xornada, que leva por título Perante a nova Lei do Audiovisual, contará coa intervención de representantes das principais entidades de defensa das linguas minorizadas do Estado, que falarán do audiovisual como un sector estratéxico do punto de vista lingüístico, cultural e económico e recordarán o transcendental papel da sociedade galega ao revindicar a súa importancia recentemente a través de propostas como a Iniciativa Xabarín para garantir presenza de galego na programación infantil ou a Iniciativa polo galego no audiovisual que tentou impulsar importantes modificacións na Lei xeral de comunicación audiovisual.
Participantes da xornada
Abrirá o programa, que se pode consultar aquí, Margarita Ledo Andión, coordinadora do Grupo de Estudos Audiovisuais. A investigadora e docente Antía López Gómez analizará a Transposición da Directiva europea ao marco español e o Ramón Zallo, profesor e investigador da Universidade do País Vasco, fará unha interpretación crítica da Lei Xeral de Comunicación Audiovisual.
Marcos Maceira Eiras, da Mesa pola Normalización Lingüística; Francesc Marco Palau, da Palaforma per la Llengua; e Paul Bilbao Sarria, de Kontseilua, debullarán os puntos nos que, finalmente, a Lei non atendeu as demandas feitas desde Galiza e outras nacións do Estado. Será ás 12h, nunha sesión sobre Diversidade lingüística e Lei do Audiovisual.
Despois de xantar, Uxía Caride da Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi), Lidia Fraga da Asociación Sindical Galega de Guionistas (AGAG) e Iria Taibo da Asociación Galega de Profesionais de Tradución e da Interpretación (AGPTI) debullarán O estado xeral do audiovisual en Galiza. E a docente e investigadora María Soliña Barreiro pechará a xornada cun resumo das principais conclusións expostas e debatidas.