A Coruña acolle desde este martes, 14 de marzo, e ata o vindeiro domingo a IV Semana do Cinema Galego, a gran celebración cinematográfica non competitiva do país, que exhibe o máis salientable da produción audiovisual galega do último ano. Un total de nove filmes -os finalistas e gañadores dos XXI Premios Mestre Mateo celebrados este pasado fin de semana- vanse proxectar no Teatro Colón da cidade herculina ao longo destes seis días, en sesións nas que participarán os equipos responsables das obras. Deste xeito, visitarán A Coruña artistas como Jorge Coira, Manuel Manquiña, Xavier Villaverde, Manane Rodríguez, Ángel de la Cruz, Chelo Loureiro ou Ángeles Huerta, entre moitas outras figuras do noso cinema.
O programa da IV Semana do Cinema Galego contará cos largos de ficción Código Emperador, Live is Life, O corpo aberto e O home e o can; os documentais A Foreign Song, María Casares. A muller que viviu mil vidas, No somos nada e Onde máis doe e a película de animación Valentina. O acceso a todas as proxeccións do encontro será de balde, con entrada libre, por orde de chegada á sala, ata completar o aforo.
A Semana do Cinema Galego está impulsada pola Academia Galega do Audiovisual (AGA) e conta co apoio do Concello da Coruña e da Deputación da Coruña e mais coa colaboración de Abanca. Toda a información sobre os horarios e as películas pódese consultar na web https://semanadocinemagalego.gal/.
Programación
Martes 14 de marzo
20:00 h | Inauguración oficial e proxección de Código Emperador
Mércores 15 de marzo
20:00 h | María Casares. A muller que viviu mil vidas
Xoves 16 de marzo
20:00 h | Onde máis doe
22:00 h | O home e o can
Venres 17 de marzo
20:00 h | A Foreign Song
Sábado 18 de marzo
19:30 h | Live is Life. La gran aventura
22:00 h | O corpo aberto
Domingo 19 de marzo
11:30 h | Valentina