Co outono chegan novas ideas para o futuro da lingua nun novo LGx15

Unha nova edición do LGx15. Ideas para o futuro da lingua terá lugar no Teatro Principal de Santiago de Compostela o sábado 25 de outubro ás 18.30 h. Participan nesta ocasión Carlos Callón, María Maroño, Miguel López del Pueyo, Mariña Lema, Artur Trillo e Fátima Pego. Conducirá o acto Silvia Penas, quen actuará con Jesús Andrés Tejada na proposta de poesía e música Cintaadhesiva.

Esta iniciativa da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) busca compilar ideas, experiencias e propostas que poidan mellorar o futuro da lingua; e conta coa colaboración da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, a través da Secretaría Xeral da Lingua, do Concello de Santiago de Compostela, de Deleite e da Fundación Galicia Sustentable.

O LGx15 naceu no ano 2015 e desde entón leva espallando a través das redes 62 charlas con ideas e propostas para o futuro da lingua. O sábado 25 de outubro de 2025, ás 18.30 h, o Teatro Principal de Compostela acollerá seis novas intervencións para seguir compilando argumentos a favor da lingua.

Ideas para o futuro da lingua

As persoas convidadas á edición deste ano son: o docente, escritor e investigador Carlos Callón falaranos de primeiras veces que nos marcan, a estudante María Maroño describiranos como se adapta unha moza galegofalante a contextos castelanizados, o médico Miguel López del Pueyo proporanos escoller entre bo médico e médico galegofalante, a docente Mariña Lema virá receitarnos un suplemento para o déficit lingüístico, a vitamina G, o actor, autor e director teatral Artur Trillo falaranos dos nomes que nos identifican como galegos e a comunicadora e cantante Fátima Pego relataranos a súa experiencia coa lingua galega como ferramenta de traballo e signo de identidade.

Conducirá o evento a poeta Silvia Penas, quen tamén traerá ao escenario a súa proposta de poesía escénica e música Cintaadhesiva, xunto co músico e videocreador Jesús Andrés Tejada.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego