‘Circo de artesáns, o ateneo de Galicia’, este mércores no Ateneo Ferrolán

O documentario ‘Circo de artesáns: o ateneo de Galicia‘ proxectarase este mércores, día 19, no Ateneo Ferrolán ás sete da tarde. Esta peza audiovisual, realizada por Nós Televisión para o Circo de artesáns, ofrece unha visión de capítulos esenciais e descoñecidos da historia da cidade da Coruña e de Galicia. Despois da proxección terá lugar un coloquio onde se abordarán as relacións culturais e sociais no pasado entre as cidades ártabras e irmás de Ferrol e da Coruña. A entrada é de balde. 

‘O Circo de Artesáns, o ateneo de Galicia’

Milleiros de coruñeses e coruñesas foron socios desta Sociedade conservándoa con orgullo e coidado até os nosos días e converténdoa na entidade deste tipo máis antiga de Galiza. Manuel Murguía, Emilia Pardo Bazán, Curros Enríquez, Eduardo Pondal, Castelao, Vicente Risco ou Sofía Casanova foron só algunhas das persoas que atravesaron as portas. No seu interior, relevantes conferencias, célebres concertos e importantes reunións enriqueceron o xa de por si vibrante ambiente intelectual coruñés. A través do documental ‘O Circo de artesáns, o ateneo de Galicia‘, volvemos a percorrer os seus corredores para palpar os case dous séculos de historia e un legado que esplandece con luz propia.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego