O documentario ‘Circo de artesáns: o ateneo de Galicia‘ proxectarase este venres, 7 de outubro, ás 20 horas na capela de San Roque de Sada. Esta peza audiovisual, realizada por Nós Televisión para o Circo de artesáns, ofrece unha visión de capítulos esenciais e descoñecidos da historia da cidade da Coruña e de Galicia. Despois da proxección terá lugar un coloquio. A entrada é de balde.
‘O Circo de Artesáns, o ateneo de Galicia’
Milleiros de coruñeses e coruñesas foron socios desta Sociedade conservándoa con orgullo e coidado até os nosos días e converténdoa na entidade deste tipo máis antiga de Galiza. Manuel Murguía, Emilia Pardo Bazán, Curros Enríquez, Eduardo Pondal, Castelao, Vicente Risco ou Sofía Casanova foron só algunhas das persoas que atravesaron as portas. No seu interior, relevantes conferencias, célebres concertos e importantes reunións enriqueceron o xa de por si vibrante ambiente intelectual coruñés. A través do documental ‘O Circo de artesáns, o ateneo de Galicia‘, volvemos a percorrer os seus corredores para palpar os case dous séculos de historia e un legado que esplandece con luz propia.