A Universidade de Vigo vén de presentar no Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais, CIntecx, unha guía práctica para integrar a perspectiva de xénero nas investigacións tecnolóxicas e industriais, unha iniciativa financiada polo Cátedra de Feminismos 4.0 Depo-UVigo que busca dotar ao persoal investigador das ferramentas e pautas específicas para mellorar a calidade das súas propostas de investigación, fomentando así un enfoque máis inclusivo no ámbito científico.
A guía é o resultado dun proxecto desenvolto polo Cintecx baixo a dirección da responsable do centro, a catedrática Concepción Paz Penín, quen estivo acompañada nesta presentación pola deputada de Igualdade e Benestar da Deputación de Pontevedra Sandra Bastos; a vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio; a directora da Unidade de Igualdade, Águeda Gómez Suárez, e a profesora de Socioloxía da Universidade de Vigo Iria Vázquez Silva. “Gustaríame resaltar a importancia que ten este traballo para seguir avanzando nos temas de igualdade”, explicou a vicerreitora, quen, ademais de resaltar o feito de que se trata “dunha guía publicada en aberto e extensible a outros colectivos”, agradeceu á Deputación de Pontevedra todo o apoio económico que está a dar a este tipo de iniciativas a través da Cátedra de Feminismos.
“iImprescindible” para impulsar un cambio real
Pola súa banda, a deputada de Igualdade admitiu sentirse “moi orgullosa” de participar na presentación desta guía, un documento ao que se referiu como “de especial importancia”, destacando neste senso que os resultados acadados permitirán incorporar a perspectiva de xénero á investigación no ámbito tecnolóxico e industrial e, en xeral, dotar ás investigadoras e investigadores das ferramentas e pautas específicas para mellorar a calidade das súas propostas de investigación. “Estamos ante un documento moi necesario porque este enfoque de xénero é fundamental para obter un coñecemento máis completo e xusto e, á vez, imprescindible para impulsar un cambio real en materia de equidade de xénero na sociedade”, salientou Bastos, ao tempo que fixo fincapé en que “omitir a perspectiva de xénero nunha liña de investigación supón perder oportunidades” e, nese sentido, resaltou a importancia de que se estea a pór o acento na formación do persoal investigador.
Requisito “prioritario” para acceder a fondos
De explicar en detalle os contidos da guía encargouse a directora do centro, Concepción Paz Penín. Na súa intervención fixo fincapé en que a guía recolle criterios e pautas de actuación, “moi concretas e sinxelas” e ofrece ideas básicas que deben incluírse nas memorias das propostas de investigación que se presenten ás distintas convocatorias, tanto a nivel autonómico, como nacional e internacional, incluíndo unha sección específica para propostas europeas.
A maiores a guía contén tamén un checklist cos aspectos fundamentais que deben incluírse en cada un dos apartados, xa sexa en canto á composición do equipo, formulación e ideación da investigación, marco teórico, metodoloxía e difusión dos resultados. A idea é, tal e como explicou a directora do centro, que con este estudo se poida mellorar a capacidade do persoal investigador de integrar a perspectiva de xénero nas propostas de investigación, un tema que cobra “gran relevancia” si sen ten en conta que a inclusión da perspectiva de xénero nas investigacións é un dos aspectos que se valora tanto desde a Axencia Estatal de Investigación como desde a Comisión Europea á hora de determinar que propostas se financian e cales non.
O 91% do persoal atopaba dificultades para incorporar esta perspectiva
“Cando iniciamos a nosa investigación o primeiro que fixemos foi unha recollida de datos e os resultados foron claros, o 73% do persoal do Cintecx non coñecía os conceptos e consideracións a ter en conta para integrar transversalmente a análise de sexo e xénero nunha proposta de investigación e o 91% atopaba dificultades para integrar esa perspectiva ao deseño das propostas de investigación”, salientou Paz Penín, ao que engadiu que todos os contidos da guía están dispoñibles tanto na web, como en folletos “ou mesmo nun tótem localizado na propia entrada do centro”.