Canto sabemos da nosa lingua? A equipa de Nós Televisión vén de reunir cinco das súas últimas reportaxes arredor do galego, do seu uso, a súa ortografía, historia e potencialidade.
1 – Co galego falamos de todo! As revistas en papel
As revistas levan ducias e ducias de anos contando a nosa historia. Atopabamos artigos en galego en ‘Vida Gallega’, unha revista que víu saír o seu primeiro número en xaneiro de 1909 cunha portada deseñada por Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. El mesmo tamén formou parte da revista Nós, publicada entre 1920 e 1936. Esta marcaría toda unha xeración da historia do noso.
Trala morte do dictador Franco, voltan aparecer novas revistas en galego, moitas delas especializadas. Por exemplo, Braña a revista científica da Sociedade Galega de Historia Natual. Ou mesmo Andaina, a revista galega feminista que botou a andar en 1983.
E hoxe, nacen novas revistas en galego? Como afrontan os desafíos co dixital? Percorremos as librarías, as redaccións e mesmo as facultades… para averigualo!
2 – Galicia crea pontes coa lusofonía: da lei Paz Andrade á Casa da Lusofonía
A Deputación de Ourense, da man da Associação Impulsora Casa da Lusofonia, están a traballar para que a cidade das Burgas sexa sede dunha Casa da Lusofonía, dentro da rede de casas internacionais do Estado español. Trátase dunha nova iniciativa, sete anos despois da aprobación da Lei Paz Andrade en Galicia, para ter unha maior presenza no mercado económico, social e cultural do mundo lusófono, sacándolle todo o proveito ao potencial da lingua galega como lingua extensa , útil e claramente internacional.
Sobre todos os pasos dados neste sentido nos últimos anos, falamos co presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar Blanco; co secretario xeral da Associação Impulsora Casa da Lusofonia e portavoz para a defensa da ILP Paz Andrade no Parlamento Galego no 2013, Xosé Carlos Morell; o director do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI), Daniel González Palau; e a escritora, psicóloga e integrante da Comissão Executiva do Patronato da Fundação Academia Galega da Língua Portuguesa, Concha Rousia.
*Para contactar coa Associação Impulsora da Casa da Lusofonia, entra en: www.impulsoracasalusofonia.es/pt/contacto_pt/
3 – Na Estrada, en galego
O rural é o berce da nosa lingua. Os espazos urbanos semellan, cada vez máis, un risco na transmisión do galego. Como evitalo?
Viaxamos ata o Concello da Estrada ondee xiste unha iniciativa que usa o galego para impulsar o comercio local e fortalecer a comunidade en galego. Benvidas e benvidos a ‘Na Estrada, en galego’!
4 – Cantigas de Santa María, por que en galego?
Dende os séculos XII ao XV, o galego converteuse na lingua por excelencia da lírica da Península Ibérica. Unha das xoias literarias, musicais e pictóricas daquel entón, do século XIII, son as Cantigas de Santa María. A corte de Afonso X escribiu as Cantigas de Santa María en galego para avalar a súa candidatura como emperador ante o Papa. Mais por que en galego? Que importante papel xogaba a nosa lingua en semellante operación estratéxica do monarca?
5 – Galego e portugués, unha cuestión ortográfica?
A historia da lingua galega ten as súas orixes no século IX, cando se separa do latín galaico. Nesta reportaxe, explicaremos como xorde a normativa ortográfica actual e a súa relación coa lingua portuguesa. Abordemos tamén a posición do movemento reintegracionista e as estratexias que pulan pola vida da nosa lingua. Para isto, contamos coa imprescindíbel axuda do ‘Cabalo de Alberte Merlo’, un vídeo recentemente galardoado co Premio Youtubeirxs.