Cinco propostas audiovisuais de Nós Televisión para este Día das Letras 2023

A lingua é un dos eixos centrais no traballo audiovisual que día a día elabora Nós Televisión. Por iso, neste Día das Letras 2023, propomos conmemorar o galego a través de programas e series elaboradas por Nós Televisión.

A primeira proposta vai da man do programa de Nós Televisión ‘Galego de todo o mundo‘ onde Eduardo Maragoto reflexiona sobre a lingua galega e portuguesa, un contido que goza de moito seguemento tanto na Galiza como no resto de territorios lusófonos. Deste xeito, capítulos como ‘A Galiza pertence á lusofonía?‘ atópase preto das 10.000 reproducións.

Para quen prefira os documentarios, Nós Televisión ten un feixe de propostas. No canal de Youtube, poderás atopar documentarios sobre figuras emblemáticas da cultura galega que loitaron a prol do idioma como é o caso de María Miramontes, descubrir a persoeiros que deixaron fonda pegada no pobo como Virxilio Viéitez ou sobre a lingua en si mesma tal e como ocorre en ‘1981, Ano Zero da língua galega‘ elaborado para a Associaçom Galega da Língua (AGAL). No caso de pezas máis curtas temos os casos de reportaxes: ‘Neofalantes, unha oportunidade para o galego‘ ou ‘Xesús San Luís, o poeta zapateiro‘.

A terceira proposta chega a ritmo do GZMúsica, o único programa televisivo que xira exclusivamente arredor da música galega e en galego. Pauliña, Grande Amore ou Keltoi! teñen pasado nos últimos meses ante as cámaras da equipa de GZMúsica.

A lingua é das persoas que a falan. Por iso tamén figura nesta proposta o programa de entrevistas ‘Rostros do País’, onde se afonda na figura de cada unha das persoas entrevistadas tal e como é o caso de Fernanda Tabarés, Isaac A. Estraviz, Esther Estévez, Manuel Portas ou Miguel Anxo Bastos, que conta con máis de 16.000 reproducións.

Por último, a quinta proposta adéntranos no mundo literario galego a través do #UniversoGalaxia, unha colaboración entre Nós Televisión e a Editorial Galaxia que permite afondar as novidades editoriais coas propias autoras.

Tamén convidamos a mergullar no canal de youtube de Nós Televisión a través dos diferentes contidos, ben sexan programas, entrevistas, documentarios, reportaxes…, nos que atoparás á lingua e á cultura galegas sempre presentes.

 

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego