1 – O que somos, nun casete – Sobre o arquivo e recuperación da nosa identidade
As gravacións nas casas das persoas, as conversas, as cancións, os refráns… Nesta reportaxe falamos da importancia de coñecer e conservar o patrimonio oral da nosa identidade. Foi o que fixeron Dorothé Schubart e Antón Santamarina co Cancioneiro Popular Galego, cuxos casetes e libretas de campo están accesibles no Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade, no Museo do Pobo Galego. Do material alí arquivado teñen xurdido investigacións e novas creacións culturais, coma o documental ‘Dorothé na Vila’, de Olaia Tubío e Alejandro Gándara.
2 – Mercedes Peón, a transgresora pandeireteira
“Son unha compositora con autoestima cultural”, sostén Mercedes Peón con quen falamos sobre a creación colectiva, as representacións sociais, a ausencia do xénero nas aldeas, a tradición e o número 3. A través da música e das palabras, Peón descúbrenos a forza dos mundos posíbeis, a enerxía que a percorre e todo o que podemos ser capaces de habitar.
3 – O que vive na memoria, o folclore nos coidados á saúde mental
Carme Campo, educadora do Museo do Pobo Galego, e Beatriz Rey Mourelle, terapeuta, son autoras da guía ‘Activando a memoria. O folclore como recurso para a estimulación cognitiva’. Visitamos con elas o Museo do Pobo Galego para entender a forza que ten en nós o folclore: as festas, a música, os bailes ou a oralidade.
4 – Saúde e Terra, Xabier Díaz!
O compositor e músico Xabier Díaz participa no programa ‘Saúde e Terra, voces da cultura galega’ dirixido por Xosé Bocixa e producido por Nós Televisión.
5 – Retrincos | Mero: “Mentres cantemos estamos vivos”
Falamos con Mero da súa vida antes de Fuxan os Ventos e A Quenlla. A vida en Lugo, a militancia no rural ou a canción galega dos anos 70. De música de protesta, da diferencia entre cantantes e cantores. Da loita en Galiza, á fin e ao cabo.