A autobiografía dialogada de Chévere, ‘Chevere: trinta e cinco anos de axitación cultural’, é o novo froito da colaboración entre a compañía e Kalandraka, que dende hai anos vén editando algúns dos textos máis representativos desta formación escénica.
A publicación, que forma parte do #DesembarcoChévere co que o grupo celebra o seu trinta e cinco aniversario sobre as táboas, presentarase o vindeiro mércores 18 de xaneiro, ás 20:00 horas no Pazo da Peregrina (Avenida da Peregrina, 16) de Bertamiráns (Ames), coa participación de Patricia de Lorenzo, Miguel de Lira e Xesús Ron, presentados pola espectadora teatral Marta Vega Lorenzo. Dous días despois a compañía representará N.E.V.E.R.M.O.R.E. -XLV Premio da Crítica de Galicia- na Casa da Cultura.