Chega a terceira edición do Ancares Cycling Marathon, referencia do ciclismo de alta montaña

O ciclismo de alta montaña consolídase como un dos deportes estrella dos Ancares. O vindeiro 6 de agosto celebrarase nas estradas desta comarca a terceira edición da proba ciclista Ancares Cycling Marathon, organizada polo Clube Ciclista Cidade de Lugo co patrocinio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

O evento, que mestura deporte e natureza , presentouse  no Cebreiro, onde se ubicará a meta da proba, con saída en Pedrafita, e paso polas estradas dos concellos de Becerreá, Navia de Suarna, Cervantes e As Nogais.

O ciclista italiano Claudio Chiappucci, podio no Tour de Francia e Giro de Italia, ademais de subcampeón do mundo en ruta. Collerá a remuda de Miguel Induráin, que levou o dorsal número 1 en 2022.

O vicepresidente da Deputación de Lugo e deputado de Deportes Efrén Castro saudou “a terceira edición da Ancares Cycling Marathon, unha aposta clara polo deporte, polo turismo e polo territorio que mantemos un ano máis” e valorou “a relevancia que a proba logrou nos dous primeiros anos, situándose como unha referencia no ciclismo de montaña e contribuíndo a converter a comarca nun destino de referencia para afeccionados e afeccionadas ao ciclismo durante todo o ano”.

Como serán as probas?

A proba ofrece tres itinerarios, con distintas distancias e niveis de dificultade para facilitar a participación de persoas afeccionadas ao ciclismo de todas as idades e condicións físicas.

Gran Fondo, de 128 quilómetros. Paso polos altos de Sete Carballos, A Pintinidoira, Vilasol e chegada no alto do Cebreiro.
Medio Fondo, de 100 quilómetros. Paso polos altos de A Pintinidoira, Vilasol e chegada no alto do Cebreiro.
Mini Fondo, de 48 quilómetros. Paso polo alto de Vilasol e chegada no alto do Cebreiro.

O ex-ciclista Ezequiel Mosquera, responsable da organización, sinalou que “xa se fala destas cotas en todas os foros ciclistas” e lembrou que “calquera dos portos pasa dos dez quilómetros polo que será importante regular esforzos para chegar en condicións á meta”. Pepe Seijas, presidente del club Cidade de Lugo e tamén parte da organización, subliñou “a unión entre deporte, cultura e turismo” que propicia unha proba así.

Nesa liña, fíxose fincapé na convivencia entre ciclistas e peregrinos como un das imaxes máis icónicas da proba, que na última edición reuníu 500 participantes e que foi seguida a pé de estrada pola veciñanza da comarca. As inscricións poden realizarse na web do evento.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego