Os Premios Youtubeiras abren ata o 22 de outubro o prazo de inscrición desta quinta edición que ten como obxectivo “consolidar a comunidade creadora que xurdiu ao redor desta iniciativa”, tal e como sinalou a coordinadora do proxecto, Carmen Pereiro. Deste xeito, por vez primeira, este ano non se van poder presentar vídeos illados senón que optarán aos premios todas as persoas maiores de catorce anos con portal en Youtube e alomenos cinco vídeos publicados con data posterior ao 23 de outubro de 2020.
As categorías continuarán a ser doce: canle, vídeo, youtubeira/o, calidade lingüística, impacto, calidade técnica, comunicación, creatividade, musical, didáctica, prioneira e premio do público. As tres primeiras están dotadas cun premio en metálico de mil euros e as nove restantes levarán 500 euros. En total, o concurso repartirá 7.500 euros en premios.
De cara a axudar aos participantes a mellorar no proceso creativo, os Premios Youtubeiras promoverán varias accións formativas nas vindeiras semanas. Neste quinto ano, escolleuse como lema a frase Magnetismo en liña e o xurado estará formado por: o sociolingüista Fernando Ramallo, o xornalista Adrián Lede, a profesora de lingua galega Noemí García, a realizadora e coordinadora do Carballo Interplay Sonia Méndez e Esther Estévez, xornalista e responsable do #DígochoEu da TVG.
Este proxecto está promovido polos servizos de normalización lingüística dos concellos de Ames, O Grove, Moaña, Negreira, Pontevedra, Ribadeo, Rianxo, A Baña, Santiago e Teo, ademais das tres universidades galegas e a Deputacón da Coruña.