A Cidade da Cultura, na súa liña de programación para todos os públicos, convida as familias a festexar en Cidade Imaxinaria, unha das citas imprescindibles do final do verán para gozar dun ocio compartido entre cativada e persoas adultas.
Esta décimo segunda edición, impulsada pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e que terá lugar este sábado 7 de setembro entre as 16,00 e as 20,00 horas no Gaiás, incluirá espectáculos de circo con acrobacias aéreas, teatro de rúa, animación musical, xogos tradicionais, instalacións de realidade mixta, espazos sensoriais para bebés ou a elaboración dun mural colaborativo. A xornada congrega a preto dun centenar de artistas de distintas partes da Península e a entrada é libre e de balde.
Cidade Imaxinaria
Cidade Imaxinaria conta cun programa de espectáculos que conxugan o ocio e a diversión cunha vertente pedagóxica e didáctica na que, por exemplo, se procura lembrar á cativada a importancia da reciclaxe ou do coidado do medio ambiente. As persoas asistentes poderán pintar de xeito colaborativo un mural no que se usarán pinturas fotocatalíticas, que depuran o aire. A superficie a pintar equivalerá aproximadamente ao efecto depurativo que tería a plantación de 15 árbores.
Tamén se contará con propostas como unha escoliña de circo para espertar novos intereses á vez que pór en valor o labor de compañías de novo circo galegas; espazos sensoriais para bebés de 0 a 3 anos con actividades de estimulación temperá ou instalacións que combinan maxia con tecnoloxía, a través da realidade mixta.
En total, tres espectáculos de pista, tres itinerantes e oito zonas de xogo e actividades de compañías procedentes de distintos puntos da Península conforman esta edición de Cidade Imaxinaria. O evento, celebrado entre 2011 e 2019 e retomando a súa actividade no 2023 tras un parón por mor da pandemia, é unha das citas clásicas da programación familiar da Cidade da Cultura que ao longo das súas edicións previas congregou a milleiros de asistentes.
Este ano, as actividades concentraranse nunha xornada de tarde na que haberá tamén un espazo de descanso e petiscos para a merenda. Para facilitar que todas as persoas interesadas poidan participar nesta xornada lúdica, haberá un reforzo da liña 9 de autobús urbano, que sairá dende a Praza de Galicia (Santiago de Compostela) ata o Gaiás cada media hora.