CeibaRimas leva o freestyle en galego a Ponteareas este sábado

CeibaRimas, o proxecto galego de rap improvisado, celebra este sábado 7 de xuño ás 20:00h a súa primeira clasificatoria provincial na vila de Ponteareas, dentro da programación cultural do Rock na Rúa.

Clasificatoria en Ponteareas

A cita será un evento aberto á participación e á asistencia de público, co obxectivo de visibilizar a creatividade e a lingua galega nun dos formatos máis vivos e actuais: o freestyle. A inscrición na competición é libre e gratuíta até as 19:30h do mesmo día, a través da páxina web de CeibaRimas.

A persoa gañadora non só asegurará a súa participación na gran final do CeibaRimas 2025, senón que tamén gañará un premio de 100 euros.

A fase clasificatoria pontevedresa contará cun xurado composto por Carola, Alex Arnoso e Hugo Guezeta, e marca o inicio dunha xira que percorrerá distintas localidades galegas.

CeibaRimas convida toda a xente de Ponteareas e arredores a se achegar e facer parte dun evento que mestura lingua, mocidade e cultura urbana nun ambiente inclusivo, participativo e cheo de ritmo.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego