A Mostra Internacional de Cinema Etnográfico impulsada polo Museo do Pobo Galego celebra a súa maioría de idade seguindo dous eixos fundamentais: a perspectiva de xénero e o concepto do rururbano. Con isto como pano de fondo, presentouse a programación desta décimo oitava edición, que se vai celebrar do 15 ao 21 de marzo.
A directora da MICE, Ana Estévez Lavandeira, debullou as claves desta 18 MICE, que ten como eixo temático a rururbanía, e que celebrará a súa sesión inaugural, o 15 de marzo ás 20 horas no Teatro Principal, coa reprodución que o cineasta Pepe Coira fixo do desaparecido filme de Antonio Román Canto de emigración. Unha reconstrución realizada a partir dos materiais que se conservan da película: o seu guión, unha serie de fotografías da rodaxe, e a partitura orixinal da música composta por Teódulo R. Páramos, que interpretará en directo, sincronizada coa proxección, a Orquestra Clásica de Vigo.
Seccións oficiais
Once traballos optarán ao premio MICE ao Mellor Filme no capítulo Internacional, sete deles de diversas nacionalidades e catro realizados en Galicia que compiten tamén polo premio MICE ao Mellor Filme Galego. Así, veremos as estreas en Europa da francesa Porte de Clichy, de Sébastien Marziniak; Las colonias, do cineasta mexicano Luis Lazalde; e o documental arxentino I Nostri Giorni, de Gisela Peláez; ademais da estrea en España de Detached, de Vladimir Krivov (Federación Rusa). Tamén, o filme ecuatoriano La primera puerta, do Colectivo Súper Cuy; a italiana Aylesbury Estate, dirixida por Carlotta Berti, e o filme español Tolyatti Adrift, de Laura Sisteró. Entre os títulos galegos, desfrutaremos da estrea mundial de Malgrat, de Santiago Teijelo; a estrea en Galicia de Al otro lado del mar, de Eloy Domínguez Serén e o cineasta colombiano Samuel Moreno Álvarez; e as curtametraxes Tatuado nos ollos levamos o pouso, de Diana Toucedo; e A festa do emigrante, de Sara Traba.
Todos os filmes optarán tamén ao Premio AGANTRO á excelencia antropolóxica, ao Premio CREA, que outorga a Asociación Galega de Profesionais da Realización e a Dirección; e ao Premio do Público. A cerimonia de entrega de galardóns terá lugar o domingo, 19 de marzo, ás 12:30 horas no Museo do Pobo Galego, conducida polo actor e músico Sergio Llauger.
Un ano máis, o festival dedica unha sección, Impropias, ao cinema etnográfico realizado por mulleres, comisariada pola cineasta Ainhoa Rodríguez, directora da premiada Destello Bravío.
Nas seccións non competitivas volven tamén Trazas, en colaboración co Cineclube de Compostela; e Lindes, co MDOC-Festival Internacional de Documentário de Melgaço como festival convidado.
Entradas, espazos e programación paralela
Toda a programación da MICE é gratuíta e desenvolverase en tres espazos da cidade: o propio Museo do Pobo Galego, o Teatro Principal e NUMAX.
Ademais das proxeccións, nesta 18ª edición haberá programación para escolares na MICE Petís, formación para profesionais, unha exposición e performance a cargo da artista Marta Valverde, e proxeccións virtuais a través da MICE en liña.