Castelao en Lugo (Cap. 2) A IV Asemblea Nacionalista Galega

Segundo capítulo da serie CASTELAO EN LUGO, unha produción realizada por Nós Televisión, un espazo de difusión da relación de Castelao coa provincia de Lugo financiado pola área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

Este segundo capítulo está centrado na celebración en Monforte de Lemos en 1922 da IV Asemblea Nacionalista Galega, que suporá unha escisión nas Irmandades da Fala. A provincia volve ser testemuña dun momento decisivo do nacionalsimo no que Castelao ten un papel fundamental.

Tanto este 2º capítulo como toda a serie está presentada pola actriz lucense Carmen Méndez, que percorre os diferentes lugares da provincia que foron significativos na vida de Castelao, e conta coa participación de persoas expertas na figura, obra e política de Castelao como son Miguel Anxo Seixas Seoane, presidente da Fundación Castelao; Pilar García Negro, escritora e profesora universitaria; Carmen Blanco García, escritora e profesora universitaria; Uxío-Breogán Diéguez Cequiel, historiador e profesor universitario; Henrique Monteagudo, presidente da Real Academia Galega; e Manuel Rei Romeu, escritor e investigador.

Este segundo capítulo continúa a difusión iniciada no 1º episodio, centrado na I Asemblea Nacionalista, celebrada en Lugo en 1918. A este 2º episodio sobre a IV Asemblea Nacionalista celebrada en Monforte en 1922, seguiranlle outros dous que abordarán a homenaxe galega que recibiu Castelao na cidade de Lugo en 1932 con parada previa en Nadela, e a participación de Castelao en 1936 nos actos a favor do Estatuto galego, con especial parada nun mitin multitudinario que ofreceu en Chantada.

Agradecemento especial a Sacauntos Cooperativa Gráfica Galega, polas impresións realizadas para poder utilizar nas gravacións da serie.

Todos os capítulos serán estreados de aquí a finais de ano, tanto en aberto para todos os públicos na canle de youtube de Nós Televisión, como na canle 9 de R, e na plataforma Movistar Plus+.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego