Castelao entra no cartel e na programación do Viñetas do Atlántico deste ano

O festival Viñetas desde o Atlántico regresa na súa edición 2025 á Coruña cunha programación vibrante e chea de novidades. Este ano, os temas centrais son a relación entre a Banda Deseñada (BD) e a música, que comezou coa exposición ‘Quino na música’, ademais dunha homenaxe especial a Castelao no 75o aniversario do seu falecemento. Con máis de 70 autores nacionais e internacionais, exposicións, concertos, actividades para todos os públicos e un destacado programa gastronómico, o festival reafirma o seu compromiso coa cultura do cómic e a creatividade, situando á Coruña como a capital peninsular do cómic no verán. Aquí podes consultar toda a programación.

O tema central desta edición será a relación entre o cómic e o mundo musical, con exposicións e concertos que unen ambas as disciplinas. Ademais, Viñetas realizará unha homenaxe a Castelao para conmemorar o 75 aniversario do seu falecemento e dedicaranse exposicións e actividades especiais para lembrar o seu legado. “Continuamos a expandir a programación dun dos eventos máis queridos polos coruñeses e coruñesas, que este ano vivirá a súa edición máis grande, coa presenza dos mellores autores e autoras e as editoriais máis prestixiosas”, indicou Inés Rey durante a presentación, na que estivo acompañada polo concelleiro de Cutura e Turismo, Gonzalo Castro, polo director do Viñetas, Manel Cráneo; polos deputados provincias José Ramón Rioboo e Avia Veira, polo director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo e polo representante de Estrella Galicia, Víctor Mantiñán. A alcaldesa destacou a importancia de que as tres Administracións foran quen de unirse para impulsar unha das citas internacionais co cómic máis importantes á que se incorpora este ano Estrella Galicia como patrocinador privado.

Nesta edición, participan máis de 70 creadores (73), fronte aos 40 do ano pasado, e 20 exposicións, en comparación coas 18 de 2024. E, como non podía ser menos, na Coruña estarán figuras internacionais e nacionais da talla de Dave Cooper; un dos principais ilustradores de Canadá; Magius, premio nacional de Cómic en 2021; Fermín Solís, da nova onda do cómic español ou o polifacético artista galego Paco Coyote. Tamén estarán os destacados ilustradores Carlos Azagra, Encarna Revuelta, Miguel B. Núñez, Olivia e Clara Cábez, Don Rogelio J, Inacio e Iván Suárez, Sara Jotabé, Montse Mazorriaga, Marika Vila, Jorge Esteban Urabayen, Sandra Lordi, Laura Suárez, Raquel Gu, Natalia Velarde, Arkaitz González, Diego Burdío e Adrián Prado, entre outros.

Exposicións, cómic e música

Ademais, A Coruña acollerá 20 mostras, incluíndo ‘Quino na Música’, ‘Astro-Ratón y Bombillita’ de Fermín Solís na Sala Municipal de Palexco; ‘Viñetas y Decibeis’, no Quiosco Alfonso e obras de Victor Coyote, Azagra, Revuelta, Magius, Miguel B. Núñez, Cols (Olivia e Clara Cábez), Don Rogelio J e Wobbly de Dave Cooper, en na Casa Museo Pablo Picasso. Por outra banda, en colaboración coa Deputación da Coruña, a Sala Municipal de María Pita, acollerá obras de Inacio e Iván Suárez e as gañadoras dos Premios Castelao 2024, Sandra Lordi e Laura Suárez.

Estas Viñetas 2025 tamén vén cargado de concertos gráficos e actuacións en vivo, incluíndo o concerto ilustrado de Hombre Tigre, actuacións de autoras como Anabel Colazo e Raquel Montero, ademais da proxección do documental ‘Quinografía’ e un ‘Latexa Late Show’ con entrevistas a autores, presentado por Neves Rodríguez.

Talleres e gastronomía

Ademais, o Viñetas Mini traerá talleres diarios con autores convidados na Sala Municipal de Palexco e espectáculos nas Bibliotecas Municipais e a tradicional Rúa BD encherá a Feira do cómic coa presenza de 35 editoriais e librarías especializadas, con máis de 100 actividades, entre elas, firmas, charlas, presentacións, visitas guiadas e clases maxistrais nos xardíns de Méndez Núñez. Por suposto, tampouco faltarán os talleres e revisión de portafolios por parte de editores na sección Viñetas Pro. E, como ocorreu xa o pasado ano, durante todo o festival tamén se poderá gozar da gastronomía coruñesa grazas ás Viñetas Ñam, onde restaurantes da cidade ofrecerán pratos inspirados no mundo do cómic.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego