O acto do ditame “viaxou” este ano ata a cidade de Vigo con motivo do 75º Aniversario da Editorial Galaxia que cada ano publica a obra gañadora e contou coa presenza de representantes das entidades impulsoras do premio: o secretario xeral de Lingua, Valentín García, a xerente de Relacións Institucionais de Fundación Repsol, Mercedes Gómez Badiola, e o director xeral da Editorial Galaxia, Xosé Manuel Soutullo.
O Xurado da XIX edición do Premio Narrativa Breve Repsol estivo composto este ano por cinco prestixiosas personalidades das letras galegas: o director de Edicións da Galaxia, Marcos Calveiro; o escritor e gañador da XVII edición do Premio Narrativa Breve Repsol, Fran Fernández Davila; a arquiveira e membro da Comisión Executiva da Real Academia Galega, Dolores Sánchez Palomino; o tamén crítico literario, Armando Requeixo Cuba, e a escritora e docente nomeada pola Asociación de Escritoras i Escritores en Lingua Galega (AELG), María Álvarez Landesa.

A illa que supuraba sangue
Na súa XIX edición o Premio Narrativa Breve Repsol contou cunha participación de 43 obras orixinais e inéditas cunha extensión mínima de 50 folios e máxima de 120.
Fran Fernández Davila, voceiro do Xurado desta edición, destacou da novela de Carmen V. Valiña” a súa habelencia para nos mergullar nun xogo de espellos temporais que dunha banda nos traslada aos difíciles días da inmediata posguerra e ao mundo dos represaliados e, doutra parte, sitúanos nun presente convulso coa simbólica illa de San Simón como escenario”.
Segundo os membros do Xurado a obra “está escrita cunha prosa de fino burilado e tinturas líricas, esta narración ábrese tamén á intriga coa desesperación dunha das protagonistas, misterio que nos levará ata un final que, de seguro, lle resultará a quen lea tan sorprendente coma desacougante”.
A gañadora
Carmen V. Valiña (Baio, A Coruña, 1985) é doutora en Historia Contemporánea, profesora na Universidade Europea Miguel de Cervantes (UEMC) e creadora e directora de PeriFéricas, Escola de feminismo as alternativos.
Combina a investigación sobre a memoria das mulleres anónimas dos séculos XIX e XX cunha vertente como escritora de ficción onde as lembranzas, o mundo rural e a autobiografía teñen un peso notable. Escribiu e publicou sobre xornalistas españolas en Oriente Medio e sobre as emigrantes da Terra de Soneira en Suíza, pero dende 2021 especializouse nas historias das mulleres internas de Conxo. Froito dese traballo é o seu ensaio As tolas que non o eran (2025, Galaxia).
En 2024 participou na residencia Mariñán de Literatura e Pensamento e na Residencia Literaria da Illa de San Simón, e neste ano foi unha das autoras seleccionadas para a V Residencia Literaria da Cidade da Cultura, REGA 2025.



