Carballo prepárase para celebrar a 32ª edición do Festival Internacional Outono de Teatro

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo regresará ás salas, ás rúas e a espazos singulares de Carballo para celebrar a súa 32ª edición do 28 de setembro ao 31 de outubro de 2023.

Este mes de setembro iniciouse coa confirmación da escritora e xornalista Ana Romaní como a Xograresa de Outono. Para os pasados xograres e xograresas de outono responsables da elección de Romaní como premiada neste 2023, resulta moi significativo e salientable que cando o teatro apenas tiña espazo nos medios de comunicación, ela sempre buscou darlle visibilidade, outorgándolle voz e debate ás compañías, artistas e citas escénicas de Galicia.

No seu fallo, o xurado destacou “a súa labor inestimable na promoción da cultura, a radio e o teatro galegos, impulsando formatos propios e mostrando un forte compromiso social. Ana Romaní é unha muller de teatro, incansable defensora da cultura galega e do galego, e que acredita unha extensa e recoñecida traxectoria que a levou a alzarse, entre moitos outros galardóns, co Premio Nacional de Periodismo Cultural en 2018”. Deste xeito o encontro mantén viva a chama da posta en valor e o recoñecemento de figuras imprescindibles do sector cultural galego, coa entrega anual dun galardón que quere salientar a traxectoria de profesionais das artes escénicas.

Ademais, a ilustradora carballesa Laura Tova firma o cartel deste #32FIOT, cunha ilustración que mostra unha aperta colectiva para avanzar a filosofía do festival nesta nova edición: a loita contra a intransixencia a través de personaxes que representan a empatía, o agarimo, o afecto… e que se funden nun abrazo no que a Cultura e Carballo son tamén protagonistas

O FIOT traerá a Galicia espectáculos como ‘El traje’, escrita e dirixida por Juan Cavestany, con Javier Gutiérrez e Luis Bermejo como protagonistas; ‘Forever’, estrea en Galicia da nova creación de Kulunka, unha das compañías máis celebradas do teatro contemporáneo español e internacional; e ‘O deus do pop’, que supón o regreso do performer galego Diego Anido ás táboas do FIOT.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego