O Concello de Carballo pon en marcha o Mapa Literario de Carballo, un novo recurso cultural co que buscan dar a coñecer aos autores e autoras locais, a literatura inspirada neste municipio e os recunchos dos que parte esa inspiración.
O Mapa Literario de Carballo, que consta de dúas liñas, ademais dun recurso turístico, cultural e mesmo deportivo, tamén é un importante recurso educativo. De feito, desde a Concellaría de Arquivos, Bibliotecas e Normalización Lingüística, promotora da iniciativa, xa se remitiu un convite a todos os centros educativos, aos que se lles ofrece a posibilidade de solicitar visitas guiadas para os escolares.