Carabela, Gloria Pavía e Rafa Morales xunto con Cinta Adhesiva prepáranse para a gala final do Premio Narf

A gala final do Premio Narf terá lugar este sábado 19 de outubro no Auditorio Abanca de Santiago de Compostela ás 20 horas e contará coas actuacións de 15 minutos das tres bandas gañadoras, Carabela; Gloria Pavía e Rafa Morales; e Cinta Adhesiva.

O xurado formado por Martiño Suárez, Faia Díaz, Teresa Cuíñas, Noel Feáns e Rodri Míguez decidirá a banda gañadora que levará 4.000 euros, a segunda clasificada 2.000 e a terceira 1.500. Durante a súa deliberación, os asistentes poderán disfrutar da actuación de De Ninghures. O evento será conducido polo xornalista Luís Pardo e aos mandos dos efectos visuais estará o artista Xavier Belho.

O Concurso Fran Pérez “Narf” de música ten o obxectivo de difundir, apoiar e promocionar os grupos e artistas musicais das diferentes comarcas e localidades galegas, así como lembrar e difundir socialmente a figura e a o obra do músico e compositor Fran Pérez “Narf”. Algunhas das bandas gañadoras deste premio son Caldo, Mounqup, Bala ou Familia Caamagno, entre outros.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego