‘Cantiga de amiga. O lesbianismo no reino medieval galego’ é un documental producido pola área de Igualdade da Deputación da Coruña e realizado por Nós Televisión, presentado por Carlos Callón, para paliar a falta de coñecemento que hai a día de hoxe sobre a homosexualidade feminina en Galiza na Idade Media.
O filme documental foi presentado este martes nunha rolda de prensa na que participaron a deputada de Igualdade da Deputación, Sol Agra, acompañada do investigador, guionista e presentador do filme, Carlos Callón, e a produtora executiva de Nós Televisión, Rosabel Candal.

A metade dos textos literarios sobre lesbianismo que se coñecen nestes momentos da Europa medieval están escritos en galego-portugués. Dentro destes textos, hai algunhas cantigas trobadorescas que nos ofrecen unha información extraordinaria.
Así, por un pequeno ciclo de cantares sabemos da historia de Sancha Pérez e María Leve, que viviron en Santiago de Compostela no século XIII, e que constitúen o único caso en toda a Europa en que se nos legou o nome dun casal lésbico, e mesmo a rúa en que moraron, sen ser por un documento de castigo.
Ademais, tamén conservamos unha cantiga “de amigo” en que unha muller fala do despeito por outra muller, polo que o máis correcto sería chamala “cantiga de amiga” (e de aí a orixe do título deste documental). Este cantar hai que emparentalo con outros poemas amatorios semellantes que se escriben en diferentes puntos do continente neses momentos.
De sinalar son tamén varios cantares en que se fai referencia as relacións entre soldadeiras, e entre eses versos chaman a atención aqueles que están protagonizados dun xeito moi explícito por outra muller lésbica galega, que tamén coñecemos polo seu nome: María Mateu. Perdemos os seus rostros e moita da información das súas vidas, mais cos datos que temos podemos evocar as voces destas mulleres.
No documental, Carlos Callón percorre diferentes lugares que nos desvelarán aspectos sobre isto e conversa coas profesoras e investigadoras Carme Adán, Daniela Ferrández, Uxía Gestoso, Teresa Moure e Isabel Morán.
O audiovisual conta de banda sonora co tema musical ‘Moeda Vella’, de Luís Álvarez e voz de Natalia Otero.
O 24 de outubro, en estrea
A estrea será o 24 de outubro ás 12:00 horas. A partir dese momento, poderá verse e estará dispoñible o documental completo nas canles de youtube da Deputación da Coruña e de Nós Televisión; na canle 9 de R, que é a canle 24 horas na que se pode ver Nós Television en toda Galiza; e no Servizo Baixo Demanda de Movistar Plus+ para todo o Estado español.
Este documental é unha continuación do traballo realizado para visibilizar as relacións homosexuais no reino medieval galego que comezou hai xa un par de anos coa produción e realización do documental MARIDOS E SOMODITAS, tamén conducido por Carlos Callón.
Ficha técnica
‘Cantiga de amiga’ é un audiovisual documental elaborado por Nós Televisión e producido pola área de Igualdade da Deputación da Coruña, con idea orixinal de Carlos Callón, baseado no libro ‘Vidas e historias LGBT da Idade Media’ (Edicións Xerais).
▫ Produción executiva – Rosabel Candal e Diego Frey
▫ Guión – Carlos Callón e Diego Frey
▫ Produción – Rosabel Candal
▫ Dirección – Martín Rodríguez
▫ Realización e montaxe – Martín Rodríguez
▫ Fotografía – Pio Cribeiro e Roi Barros
▫ Son e dron – Pio Cribeiro
▫ Música orixinal – ‘Moeda Vella’, de Luís Álvarez, con voz de Natalia Otero.
▫ Creatividades – Roi Barros
▫ Entrevistadas – Carme Adán, Daniela Ferrández, Uxía Gestoso, Teresa Moure e Isabel Morán



