“Unha das preguntas que me fago acotío, desde o propio momento en que me propuxen o desafío de escribir esta historia, é que sucedería de producirse na actualidade en vez de ocorrer en 1983.
Que eco tería? Como sería tratado polos medios nun momento en que a mentira está practicamente oficializada?
Nun momento en que a extrema dereita, falseando a realidade e apoiada por grandes poderes económicos, é capaz de mover o foco informativo en función dos seus propios e perversos intereses?”
Son preguntas que se fai o personaxe do escritor na novela Cáncara, de Fran Alonso, que ven de publicar Xerais. Unha obra sobre o poder, ateigada de humor e surrealismo, que parte dun feito real e insólito, o apresamento e detención dunha vaca por pasar en herba pública. Unha historia que afunde as súas raíces na crítica social e que se conforma como unha radiografía das transformacións sociopolíticas actuais.



