“Errar nos usos das linguas é algo inherente ao seu manexo, nomeadamente cando é unha lingua aprendida na socialización secundaria”, sostén o director da Área de Normalización Lingüística (ANL) da UVigo, Fernando Ramallo no limiar da ‘Breve guía para mellorarmos o uso do galego‘. “Cómpre avanzar nese dominio, superar os erros que conforman a nosa peculiar forma de comunicármonos e engrandecer o control que temos sobre as nosas prácticas comunicativas en lingua galega”, engade.
Esta obra das técnicas da ANL, María Cristina Rodríguez Ricart e Eva María Castro Figueiras, centrada nos erros máis frecuentes atopados nos textos que día a día revisan na área, divídese en tres apartados: un primeiro dedicado a cuestións ortográficas e gramaticais; un segundo sobre aspectos de redacción e estilo; e un terceiro que inclúe unha relación de palabras e expresións incorrectas e a súa forma corrixida.