Caamaño & Ameixeiras mirarán de fronte á violencia machista mañá no Pazo Provincial da Coruña

As artistas intervirán e actuarán no acto institucional do 25N da Deputación da Coruña

A área de Igualdade da Deputación da Coruña, liderada pola deputada Soledad Agra, despregou neste mes a súa campaña institucional do 25 de novembro, “DE FRONTE á violencia de xénero” co obxectivo de incidir na sensibilización e concienciación da mocidade. Centrándose nas violencias machistas en contextos de lecer, na festa e no ocio nocturno, inclúe diferentes accións específicas en torno a este obxectivo, e outras máis xenéricas dirixidas á poboación xeral.

Esta iniciativa á que están adheridas 91 concellos, 82 entidades sociais e 35 centros de ensino, terá mañá, venres 24 de novembro, o seu acto institucional no que intervirán Caamaño & Ameixeiras. As artistas lerán un texto propio e interpretarán dúas pezas do seu repertorio en formato acústico.

Caamaño & Ameixeiras

Sabela Caamaño (acordeón cromático) e Antía Ameixeiras (violín e voz) forman Caamaño & Ameixeiras, un dúo galego ligado á música e ao baile de raíz. Desde o seu nacemento, en 2018, este dúo conta cunha intensa traxectoria, tanto a nivel nacional como internacional. Tomando como punto de partida a tradición, o dúo consegue crear unha linguaxe propia e única, con composicións e arranxos persoais e vivos que manteñen a esencia do popular incorporando recursos contemporáneos e situando a emoción en primeiro plano.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego