O filme documental de Nós Televisión, BRAVÚ XXX, no que Xurxo Souto invoca o cosmos bravú trinta anos despois do nacemento deste movemento, figura na lista de candidatas a finalistas nos XXIII Premios Mestre Mateo.
Nesta road trip musical participan emblemas da música galega, como María Xosé Silvar ou Nuno Pico, Paola das Garotas da Ribeira, Xosé Manuel Pereiro ou Os Vacalouras, así como as figuras que participaron da fundación do bravú: Rafa, do Caimán do Río Tea, Richi dos Rastreros, Antón dos Papaqueixos ou Benxa dos Impresentables.
O audiovisual que foi presentado ao longo de todo o país chega agora aos XXIII Premios Mestre Mateo que inician a súa andaina batendo un novo récord de participación e aumentando tamén as obras presentadas co galego como lingua de versión orixinal.
O período de votacións para escoller as finalistas de todas as candidaturas permanecerá aberto ata o 27 de xaneiro ás 12:00 horas, as académicas e académicos elixirán as candidaturas finalistas dos XXIII Premios Mestre Mateo.
XXIII Premios Mestre Mateo
Esta edición bateu récord de candidaturas inscritas tanto nas categorías de produción, cun total de 199 obras, como de profesionais, con 536 participantes.
É salientable que máis da metade das producións inscritas teñen a súa versión orixinal en galego, o 68,6%, o que supón un incremento de máis de tres puntos con respecto aos datos da pasada edición.
Categorías
A categoría de longametraxe mantén o récord do ano pasado de dez inscricións e da conta da boa saúde do audiovisual galego. Os filmes inscritos están recoñecidos por prestixiosos festivais internacionais como o Festival Internacional de Cinema de Róterdam, o Festival Internacional de Cinema de Málaga, o Festival Internacional de Cinema de San Sebastián, o Festival Internacional de Shanghái, a Seminci, Márgenes, etc.
As categorías de programa, curta de imaxe real e curta de animación bateron tamén o récord de participacións. As series de televisión manteñen a súa tendencia á alza e incrementan inscricións con respecto aos dous últimos anos, con producións estreadas na CRTVG e en plataformas como Netflix, Movistar Plus e Prime Video.
Nas categorías profesionais hai un total de 536 inscritos dos cales 320 (un 60%) son homes e 216 (un 40%) son mulleres. As categorías que aglutinan o maior número de candidaturas son montaxe con 72 participantes, guión con 65, e interpretación masculina de reparto con 44.
A gala de entrega de premios terá lugar o 15 de marzo no Lalín Arena e será unha das citas máis importantes para a cultura galega.