Branca Trigo, autora do mes destacada pola AELG

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega destaca neste mes de agosto á escritora e editora Branca Trigo Cabaleiro nada en 1997. A súa obra pon en primeiro plano a relación da literatura con outras disciplinas e a exploración de canles de distribución alternativas.

Branca Trigo tamén codirixe Edicións Malafera, onde publicou os poemarios Coñecemento do Medo (2021), trans0 (2024) e Mundo Carne (2025) así como varios fanzines. O seu segundo libro, Condolore, viu a luz no ano 2022 coa editora Urutau. A súa obra aparece en revistas e publicacións colectivas, e foi recollida na antoloxía bilingüe Vomitei Deus (Eolas, 2025). Gañou certames de poesía coma o da Universidade de Vigo ou o do Concello de Carral, este último co poemario Especies Invasoras (Espiral Maior, 2026).

Como investigadora, ao igual que no seu traballo literario e editorial, afonda na poesía vinculada ás identidades subalternas. No terreo escénico, colaborou con outres creadores coma o poeta e músico Pablo Rodríguez, o pintor Ramón Trigo e a artista do shibari Yuekun. Coordinou xunto con outres autores o micro aberto Cerimonia de Gaivotas e organizou obradoiros de poesía, fanzine e improvisación oral en centros de ensino e asociacións.

 

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego