‘Bota a lingua a pacer’ no día dos medios en galego

Como cada ano, ao redor da data do 7 de febreiro, a Asociación de Medios en Galego (AMEGA) conmemora o día dos medios na nosa lingua con diversas actividades.

As máis de 30 cabeceiras que forman AMEGA e os máis de 149 medios que fan comunicación en galego, celebran o aniversario da primeira publicación xornalística feita integramente en galego: O Tío Marcos d’A Portela en 1876. Após a súa declaración institucional por parte do Parlamento de Galicia, os actos en torno ao Día dos Medios en Galego contan coa colaboración da Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e, neste ano 2022, do Concello de Santiago.

Roteiro ‘Compostela e a lingua’ 

O sábado 5 de febreiro desenvolverase o roteiro Compostela e a lingua. Acompañados polo cuarteto da asociación cultural Pena Raiada, os e as participantes desta actividade sairán do número 34 da rúa Nova de Santiago de Compostela ás 11:30 horas da mañá. Ao longo de diversas paradas en lugares simbólicos, recordaranse diversos momentos importantes na loita na defensa do idioma galego.

Diante da placa dedicada a Roberto Vidal Bolaño, no Salón Teatro, será a primeira parada. Alí a compañía de teatro Os Quinquilláns representará unha pequena escena dunha das obras do célebre dramaturgo, conmemorando así o vinte aniversario so seu pasamento.

Despois, o roteiro continuará até a Praza da Universidade. No lugar onde se situaba o Restaurante El Asesino, o filósofo Antón Baamonde descubriranos a importancia dos faladoiros celebrados nos locais da hostalería picheleira.

Sobre a relación entre a Universidade de Santiago de Compostela e o galego falará o escritor Bieito Iglesias. Isto acontecerá na terceira parada, diante da Facultade de Historia.

Haberá tamén unha visita ao Colexio de Santo Agostiño, onde a profesora Anxos García Fonte departirá sobre a relación de Rosalía de Castro coa cidade.

Para rematar, xa na praza de Cervantes, desenvolverase un espectáculo poético-musical a cargo da carballesa Rosalía Fernández Rial.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego