A trixésimo quinta edición dos Cursos de lingua e cultura galegas ‘Galego sen fronteiras’ reúne este mes de xullo en Santiago sesenta estudantes procedentes de máis dunha vintena de países de Europa, América e Asia. Organizada pola Real Academia Galega en colaboración co Instituto da Lingua Galega da USC, e co apoio económico da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña, o curso inaugurouse hoxe na Facultade de Filosofía. O centro acollerá o groso dun calendario de tres semanas que inclúe, alén de clases teóricas e prácticas de galego, conferencias e obradoiros de música tradicional, entre outras propostas.
A académica María López-Sández e a secretaria do ILG, María Álvarez de la Granja, asumen a dirección e a secretaría desta nova edición. O programa contará coa participación de alumnas e alumnos internacionais procedentes de Alemaña, Finlandia, Francia, Hungría, Irlanda, Italia, Portugal, Reino Unido, República Checa, Rusia, Suíza, Ucraína, A China, A India, Uzbekistán, A Arxentina, O Brasil, Colombia, Cuba, os Estados Unidos e México. Tamén formarán parte da nova promoción estudantes procedentes doutras comunidades autónomas de España.