Nun mundo como o do fútbol profesional, dominado polos egos e a testosterona, Borja Iglesias resulta tan exótico como un adorable osiño branco e negro. Non ten medo a meterse nas pozas que habitualmente os seus compañeiros de profesión evitan a toda costa, como o machismo no deporte ou a relación coa política. Todo sen perder o seu eterno sorriso e nin sequera despintar as uñas.
O dianteiro do RC Celta de Vigo protagoniza o 1º capítulo do videopodcast O Vagón, presentado por Luís Pardo, e producido e realizado por Nós Televisión.
O programa O Vagón recibiu o Premio no I Certame ‘Fondo de Apoio a Proxectos Culturais Singulares para a Mellora Social 2025’ da Deputación da Coruña e está patrocinado por Deleite e Daveiga, ademais de contar co apoio de Gadis e A Estación Concello de Vedra. Conta en todos os capítulos cunha sección especial en colaboración con Aquí tamén se fala e unha sección de Xogo ideada pola xornalista Xiana Arias.
Pode verse na canle de youtube de Nós Televisión, en aberto para todos os públicos; en Spotify; en Movistar Plus+ para todos os clientes de todo o Estado español; e na canle 9 de R, para todos os clientes de Galicia. Así mesmo, será promocionado a través de cortes en todas as redes sociais (Instagram, Facebook, x, Tiktok), co obxectivo de chegar a unha maioría social.



