‘Big data’ en Galicia: o caso da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da UVigo

As empresas están a demandar continuamente perfís de profesionais expertas en tecnoloxías como Internet das Cousas (IoT), Intelixencia Artificial (IA), Biga Data, Machine Learning, Ciberseguridade, Vehículos autónomos (drones e outros), Realidade Aumentada, sistemas audiovisuais, aplicacións aeroespaciais… Os enxeñeiros/as de telecomunicación desenvolven e empregan estas tecnoloxías punteiras. Por exemplo, IoT é, basicamente, “cousas” que se interconectan e comunican entre sí, o que non pode ser posible sen a telecomunicación. O Big Data é unha forma particular de procesar información, e a información, en todas as súas variantes, é co que traballan os enxeñeiros de ‘Teleco’. E, se consideramos a Intelixencia Artificial, destacar que é unha tecnoloxía que moitos destes enxeñeiros tamén desenvolven e utilizan no seu traballo.

Estas tecnoloxías abren portas de oportunidades para linguas minorizadas, como é o caso do galego, e en Galicia cada vez son máis as entidades cunha maior investigación e docencia como ocorre no caso da Universidade de Vigo.

Coñecemos a escola de Enxeñaría de Telecomunicación da UVigo!

A Escola de Enxeñaría de Telecomunicación (EET) da Universidade de Vigo é un centro de referencia tanto en docencia coma en investigación, na que se imparte unha formación de calidade e cunha alta orientación práctica (o 50% da docencia é impartida en grupos reducidos, laboratorios e/ou con orientación de traballo en proxectos). A oferta académica da EET inclúe dous graos, seis mestrados e un programa de doutoramento.

A excelencia investigadora do centro reflíctese na presenza continuada nos últimos anos no ranking de Shanghai, entre os mellores 200 centros do mundo en Telecomunicacións. O persoal docente e investigador da EET ocúpase de facer unha investigación aplicada, transferindo coñecemento cara ó tecido empresarial e industrial. De aí que o centro fose o que conseguiu maior número de contratos con empresas e o maior volume económico nos mesmos nos últimos tres anos (supoñendo case a terceira parte do volume global de toda a Universidade de Vigo).

Esta estreita relación coa investigación no ámbito das tecnoloxías da información e comunicacións (TICs), permite ofertar unha docencia aplicada próxima ás necesidades da industria, que se reflicte na colaboración de profesionais externos, na definición de proxectos e traballos de fin de titulación a desenvolver polo estudantado, especialmente nos últimos cursos do Grao e nos mestrados, ademais das prácticas curriculares en empresas. De feito, o Grao en Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación ten aparecido entre os cinco mellores de España en Telecomunicacións nos rankings que anualmente publica El Mundo.

Internacionalización

A EET fomenta a mobilidade tanto no alumnado coma no persoal docente e investigador. O centro participa en diferentes programas de mobilidade entrante e saínte con países do Espazo Europeo de Educación Superior (EEES) dentro do programa ERASMUS+, doutros países fóra do EEES en base a diferentes programas e convenios de colaboración, e doutras comunidades dentro do programa de mobilidade nacional SICUE.

Con estes programas o seu alumnado pode internacionalizar o seu currículo cursando parte dos seus estudos no estranxeiro. Cabe destacar que o estudantado de grao pode optar por cursar determinadas materias en inglés ou, se o prefire, cursar o grao en inglés (o Bachelor Degree in Telecommunication Technologies Engineering), no que o idioma de impartición é maioritariamente o inglés (máis do 80% das materias obrigatorias). Cunha entrada máxima de 20 estudantes por ano, a docencia desenvólvese en grupos pequenos, cun seguimento personalizado e nun ambiente internacional, con alumnado procedente de diferentes países.

Relación coas empresas

A EET destaca tamén pola súa relación co tecido empresarial, onde hai unha alta demanda desde as empresas que colaboran moi activamente co centro. Concretamente, se creou no último ano a rede conexiónTeleco, un punto de colaboración entre empresa e universidade para contribuír na formación do estudantado e achegalo ao mundo laboral desde cedo.

A EET tamén ten implantado plans de Acción Titorial con actividades dirixidas a todo o alumnado da Escola, prestando unha especial atención ao estudantado de novo ingreso e a quen estea rematando os estudos, situacións nas que se fai máis necesario dispor da información que axude á toma de decisións propias destas etapas.

No curso 2021-22, creouse o programa orientaTE que pretende mellorar a orientación do estudantado durante a súa estancia na Escola, tanto na súa traxectoria académica como de cara a súa inserción no mundo laboral. E no curso 2023-24 implantouse o programa, integraTE, para atender ao estudantado de grao que chega á Escola.

Ademais participa no programa de integración de universitarios/as con necesidades especificas de apoio educativo, PIUNE, e conta co Distintivo de Igualdade da Universidade de Vigo que recoñece o seu traballo neste ámbito.

Recoñecemento e demanda

Os/as enxeñeiros/as de telecomunicación son profesionais multidisciplinares, e moi versátiles, grazas á formación que reciben en matemáticas, física, programación, electrónica, procesado de sinais, deseño de sistemas de redes e servizos de comunicación… Esta formación permítelles adaptarse en todo momento aos rápidos e continuos cambios tecnolóxicos que se están a producir e que están por chegar. Traballan en todos aqueles sectores que requiran profesionais con amplos coñecementos nas TIC para o desenvolvemento dos sistemas e servizos de telecomunicación actuais e do futuro.
‘Teleco’ é a tecnoloxía que está presente en calquera sector que nos poidamos imaxinar.

Grao en Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación

O grao en Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación (GETT) ten como obxectivo formar profesionais á vangarda dos coñecementos tecnolóxicos e competencias profesionais, permitindo especializarse nunha das catro tecnoloxías básicas que sustentan á actual sociedade interconectada e dixital: sistemas de telecomunicación, telemática, son e imaxe, e sistemas electrónicos.

A sólida formación que adquire o estudantado lle proporciona a capacidade de adaptación a un sector en continua evolución. Os egresados e egresadas son profesionais expertos/as no deseño, análise, implementación, explotación e xestión de compoñentes e procesos no ámbito das TIC, cunha alta inserción laboral. O GETT conta coa acreditación EUR-ACE®, considerada a máis prestixiosa que pode obter un título de enxeñaría en Europa.

O grao ten una duración de 4 cursos e consta de catro mencións (ou especialidades) que dan acceso á profesión regulada de Enxeñería Técnica de Telecomunicación. Estas especialidades se imparten en 3º e 4º curso. Un aspecto a destacar da estrutura do grao é que o estudantado pode facer dúas mencións simultaneamente cursando só 3 materias a maiores, tendo desta forma dúas especialidades no seu título (o equivalente a dous graos universitarios).

Mestrados

A EET ten unha oferta de posgrao de seis mestrados todos eles de gran relevancia para a formación dos perfís profesionais con máis demanda no futuro polo tecido empresarial.

O mestrado de Enxeñaría de Telecomunicación (MET), destaca polo seu enfoque na formación de profesionais á vangarda dos coñecementos tecnolóxicos e competencias profesionais para a sociedade interconectada e dixitalizada.

O mestrado Interuniversitario en Ciberseguridade (MUniCS) busca formar profesionais de alta cualificación en todos os procesos relativos á seguridade dixital. O mestrado Interuniversitario en Ciencia e Tecnoloxías da Información Cuántica (MQIST), recen estreado, oferta uns estudos avanzados no campo da tecnoloxía cuántica.

O mestrado Internacional en Visión por Computador (imcv) ofrece unha especialización interdisciplinar en todos os fundamentos da visión por computador, esencial na automatización de tarefas que requiren cognición visual.

Finalmente, o mestrado Interuniversitario en Matemática Industrial (M2i) forma profesionais especializados en modelización e simulación numérica, para abordar problemas industriais concretos.

O próximo curso ponse en marcha na EET o mestrado Interuniversitario en Internet das Cousas (IoT), que proporcionará os coñecementos necesarios para deseñar sistemas de interconexión dixital de obxectos e persoas que actúen de forma autónoma e intelixente.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego