Belén López Vázquez: “As editoras galegas intentamos de forma heroica manter falantes nunha lingua que non para de perdelos”

Belén López Vázquez, directora de Baía, recibe a Nós Televisión na sede da editorial no polígono de Pocomaco, na Coruña. Dirixe con orgullo desde os anos 90 esta editora, a primeira que fixo un libro de Física en galego. Como ela mesma di, Baía non é unha editora de masas, pero “estou segura de que toda persoa que compra libros en galego en Galicia ten algún de Baía e recoñécenos”.

Cuns principios moi claros en canto á defensa da igualdade, da natureza e do ensino en galego; e con calidade e innovación, intentan cada día achegar a lingua galega a todos os públicos. Para contribuír a aumentar o número de persoas que len en galego pídelle á administración que non faga máis, senón que “desfaga”. “Pediríalle á Administración que desfaga o decreto do plurilingüismo, xa que non ten sentido que se prohiba dar materias na lingua propia”, defende. Así mesmo, tamén é crítica co proxecto E-Dixgal no ensino. “Está a afastar aos nenos e nenas do libro”, considera.

Para o ano 2024, Baía márcase como reto reforzar a súa liña de literatura xuvenil. “Dame a sensación de que as editoras galegas non sabemos conectar ben coa xente nova”, di.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego