Definitivamente utópica, radicalmente vital

Este é o título da biografía da Real Academia Galega sobre a autora homenaxeada nas Letras Galegas de 2026, a escritora e xornalista Begoña Caamaño, que asina a académica Ana Romaní.

“A lectora atenta, a feminista que soña outro futuro, a xornalista rigorosa, a activista a reformular outro escenario de vida máis xusta, máis digna, máis libre están no substrato das súas novelas, reescritas dun pasado para este presente e para outro futuro. A literatura en Begoña Caamaño é outra forma de coñecemento, de liberdade, de reflexión e acción. É parte do seu proxecto, desa luminosa configuración da existencia sempre observando a construción dun mundo mellor desde o rigor do saber, o estimulante exercicio da razón e a xenerosa complicidade dos afectos”, escribe a súa compañeira durante anos na Radio Galega, Ana Romaní no texto que podedes ler aquí.

A Real Academia Galega inaugurou así  o seu espazo na Rede para as Letras Galegas de Begoña Caamaño (Vigo, 1964 – Santiago de Compostela, 2014).   sección irase nutrindo con novos contidos divulgativos arredor dunha creadora que elaborou unha singular revisión dos mitos literarios “no desexo de interpelar o seu tempo, o noso tempo”, e que emerxeu como narradora partindo das preguntas que se facía como xornalista, apunta a compañeira de profesión e amiga. Begoña Caamaño realizou unha “soberbia achega á literatura galega, pondo o foco na fundamental achega feminina ao seu pulo”, resume o presidente da RAG no artigo de apertura deste ano. Henrique Monteagudo confía en que as súas Letras Galegas, “tributo debido e oportuno”, contribúan á “merecida difusión popular” da súa narrativa, mais tamén da “exemplar traxectoria como periodista defensora da información veraz, en tempos en que a comunicación social está intoxicada pola divulgación de loias que espallan o odio, a intolerancia e a confusión”. “A voz e a luz de Begoña Caamaño tinxirán de azul o Día das Letras Galegas 2026”, conclúe.

 

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego