“Barrio a barrio, desde o municipalismo, debemos combater os discursos da extrema dereita”

Convidado por Compostela Aberta, Gerardo Pisarello visitou a capital galega e Nós Televisión puido conversar con el sobre os límites do local, as perspectivas de cara as vindeiras eleccións e auxe dos discursos do medo no Estado

Convidado por Compostela Aberta para participar nunha conversa sobre o estado actual do municipalismo, o pasado martes Gerardo Pisarello (Tucumán, Arxentina, 1970) estivo na capital galega e Nós Televisión conversou con el. Doutor en Dereito e catalán por adopción, é o primeiro tenente de alcalde de Barcelona e un dos rostros máis visibles de Barcelona en Comú.

Demostramos que era posible mudar a axenda política

“Fumos quen de amosar que era posible mudar a axenda política” declarou ante as cámaras de Nós Televisión ao tempo que facía un balance da xestión e dos resultados obtidos nesta lexislatura por parte dos chamados concellos do cambio. Neste senso, Pisarello confía que en maio de 2019 a cidadanía valore os cambios obtidos en cidades como Barcelona ou Compostela, entre outras. “Desde 2015 demostramos que desde o municipalismo se poden facer moitas cousas, impulsando ferramentas de participación ou apostando polas políticas sociais” declarou.

O estado, tal e como o coñecemos é unha forma obsoleta

A aposta pola participación ou a mellora das políticas sociais foi a que levou ao chamado municipalismo ao poder en cidades como Compostela ou Barcelona.Agora ben, o local tamén ten límites. E sobre eles tamén quixemos reflexionar co político catalán. Pisarello apunta directamente ao papel mantido polo Estado central

Auxe da extrema dereita

Hai que facer políticas valentes

O medo e as desigualdades medran e, con elas, chega o auxe dos discursos do odio e do ascenso das forzas da extrema dereita no Estado. Porén, pola outra banda, as cidades son tamén un bo espazo onde defender os dereitos humanos. Cando menos, así o pensa Pisarello. “Temos que ser valentes posto que a extrema dereita aliméntase do discurso do medo e iso só se contrarresta con políticas sociais” resaltou ante as nosas cámaras.

O futuro

A cidadania, en todo caso, dará ou quitará a razón en maio deste mesmo ano malia que Pisarello xa ten anunciado a súa vindeira vocación: levar a voz do municipalismo ao Parlamento Europeo. A finais de decembro do pasado ano, o primeiro tenente de alcalde de Barcelona anunciou que se presentará as primarias de BComú para representar á formación nos comicios europeos. Coa idea de “representar ao municipalismo transformador”, o catalán recibiu xa mensaxes de apoio e agarimo nesta nova tarefa por parte dos alcaldes da Coruña e de Compostela.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego