Baio honrará este sábado a figura de Francisco Romero Lema, un dos fundadores do Seminario de Estudos Galegos

O Museo do Pobo Galego e a Comisión Enrique Labarta Pose para as Letras Galegas, en colaboración co Concello de Zas organizan este sábado, 17 de xuño, no Auditorio de Baio unha homenaxe á figura do baiés Francisco Romero Lema (1903-1972), un dos fundadores do Seminario de Estudos Galegos e a familia Romero Lema de Baio. O acto, aberto á cidadanía, enmárcase no programa de celebracións do centenario do Seminario de Estudos Galegos

En que consistirá o acto?

O alcalde de Zas, Manuel Muíño, e Xosé María Lema, en representación do Padroado do Museo do Pobo Galego para a organización desta conmemoración do centenario do SEG na vila de Baio, serán os encargados de abrir a xornada conmemorativa. A continuación, o muxián Manuel Vilar, director do Museo do Pobo Galego, ofrecerá unha charla sobre a importancia que tivo na cultura galega a creación do Seminario, no 1923. Seguirá a conferencia de Xosé María Rei Lema “Vida e obra de Ramón Francisco Romero Lema. A fundación do SEG segundo a súa versión”.

Jorge Mira, presidente da Comisión Enrique Labarta para as Letras Galegas, moderará a continuación unha mesa redonda sobre a familia Romero Lema de Baio, na que participarán Xosé Luís Axeitos, académico numerario da RAG; Braulio Pérez Astray, director adxunto da Fundación Universidade da Coruña, baiés e sobriño-neto dos Romero Lema; e Xosé María Lema, historiador e membro da comisión E.L.P-L.G. Ademais, as persoas asistentes poderán ver expostas as obras publicadas de Francisco Romero, o manuscrito onde relata a súa versión da fundación do SEG ou as 144 papeletas que permitiron publicar a súa obra lexicográfica póstuma Vocabulario de Soneira.

Xa pola tarde realizarase unha ruta literario-artística para visitar os lugares que foron significativos na vida do homenaxeado Francisco Romero Lema e a súa familia.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego