‘Atlánticas’, unha viaxe fotográfica por Galicia a través dos oficios de 42 mulleres

O Museo do Pobo Galego inaugurará este venres, 30 de xuño, ás 18.30 horas, a exposición fotográfica de Adrián Baúlde que leva o título de ‘Atlánticas‘, unha mostra que reflexiona sobre o papel da muller no mercado laboral, desde os sectores con maior presenza feminina ata aqueloutros tradicionalmente masculinizados.

Atlánticas

A través da ollada de 42 mulleres de todo o territorio galego, a exposición permítenos explorar oficios tradicionais vinculados á riqueza do mar, ao campo ou ao traballo artesán, algúns deles en risco de desaparecer por mor da falta de relevo xeracional, como é o caso das zoqueiras, cesteiras, enterradoras ou oleiras, entre outros. As imaxes desas profesións tradicionais combínase coas de oficios do presente e do futuro, como o mundo da medicina ou a enxeñaría, que contan cunha crecente vocación feminina.

Adrián Baúlde

O proxecto fotográfico do fotoxornalista Adrián Baúlde (Cambados, 1993) é o resultado de tres anos de traballo e máis de 5.000 quilómetros de viaxe por Galicia, co fin de descubrir e poñer en valor o traballo desempeñado polas mulleres galegas que, co seu esforzo e paixón, foron e son quen de transformar a súa experiencia cotiá en resultados extraordinarios. En palabras do autor: “un fotógrafo, un coche, dous corpos de cámara, catro ópticas, horas de planificación, produción e postprodución. Pero o máis importante, elas, as Atlánticas, mulleres sen cuxa colaboración este proxecto nunca sairía á luz.”

Na exposición, que poderá verse no Museo do Pobo Galego ata o 5 de novembro, colaboran a Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e o Concello de Santiago de Compostela.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego