Tres anos despois do seu último disco, Ataque Escampe veñen de lanzar o sinxelo “Lamborghini”, unha canción que combina a emotividade e a enerxía: a súa letra explora a temática do arrepentimento e a fraxilidade, mentres que o seu son se inspira na música disco e no pop de sintetizadores. ‘Lamborghini’ é o primeiro adianto do que será o próximo LP da banda, previsto para a primavera de 2023.
Producida polo Hevi (Malandrómeda, Fluzo) no Laboratorio Soyuz, por ‘Lamborghini’ asoman as influencias de Giorgio Moroder, Sylvester ou Nina Simone, sampleada e citada nun verso que pode resume o conflito da canción: “for all we know we may never meet again”.
Este relato musical vén acompañado por un relato paralelo en imaxes no videoclip do tema, que asina David Silva, colaborador habitual do grupo. O fotógrafo lalinense presenta unha serie de retratos e imaxes con elementos costumistas e unha pátina irreal e desacougante: membros da banda de música de Lalín acompañan unha especie de procesión encabezada por Nuno Pico (Grande Amore, Oh! Ayatollah) nun vello Mercedes, mentres persoas de diferentes idades miran á cámara con indumentaria semellante, coma se pertencesen a unha mesma banda ou a unha mesma secta.
‘Na noite brillan’, espectáculo audiovisual no Teatro Colón
A estrea de ‘Lamborghini’ serve tamén de adianto de ‘Na noite brillan’, unha colaboración especial entre Ataque Escampe e David Silva en forma de espectáculo audiovisual que terá lugar o 26 de novembro ás 20:00 no Teatro Colón da Coruña. A área de Cultura da Deputación da Coruña produce este evento, no que as cancións do grupo (tanto vellas como novas) acompañarán en directo unha proxección de imaxes que, xogando con xéneros como as road movies ou o cinema de terror, exploran as ideas da reencarnación e da metamorfose a través da vida dunha banda de pop.