Outros corpos xa está aquí. Grande Amore e Ataque Escampe completan o seu particular roubo de corpos cun EP compartido no que collen cancións da outra banda e fan con elas algo que, sobre o papel, probablemente non deberían facer. Ese é precisamente o xogo: intentar habitar un repertorio alleo, equivocarse polo camiño e descubrir que neses erros poden aparecer cancións que antes non existían.
‘A abordaxe final’, ‘A vitoria‘, ‘25‘ e ‘Do meu corpo van nacer outros corpos‘ son os catro puntos de partida. Ningunha das dúas bandas intenta imitar á outra nin conservar intacto o material orixinal. O rap pode acabar rozando o post-punk, unha canción pode quedar reducida a un piano e unha voz e aquilo que parecía pertencer a un universo moi concreto pode terminar instalado comodamente noutro completamente distinto.
As primeiras pistas chegaron con ‘25‘, na que Ataque Escampe transformaron o rock and roll berrado de Grande Amore nun rap atravesado polo funk, as sonoridades sintéticas e a liberdade do post-punk. Despois foi Grande Amore quen se apropiou de ‘A vitoria‘, unha das cancións que máis marcaron a Nuno Pico, para levala ao territorio máis espido posible: voz e piano, con Pablo Novoa ao instrumento e Nick Cave, Tom Waits e Daniel Johnston entre as referencias.
Co disco completo, o intercambio termina de ensinar todas as súas cartas. Outros corpos non funciona como unha colección de versións ao uso, senón como catro intentos deliberados de levar cancións coñecidas a lugares que non parecían previstos para elas. Desde o rap á música de piano bar, do heavy psych ao city pop: catro temas vellos que, despois de pasar por outras mans, son tamén catro temas novos.
O EP xa pode escoitarse completo nas plataformas dixitais e está tamén dispoñible en formato físico, nunha edición en vinilo de 10 polgadas cuxo deseño é obra de Begoña García-Alén. Editado por Ernie Records e Tremendo Audiovisual, o vinilo leva tamén á súa parte gráfica o xogo de intercambio e transformación que atravesa todo o proxecto.
Detrás dese xogo hai, ademais, unha relación que vén de moito antes de Outros corpos. Nuno Pico leva anos sinalando a Ataque Escampe como unha das súas referencias para cantar en galego e os seus camiños xa se cruzaran sobre os escenarios. O que agora queda gravado nun disco nace tamén desa memoria: achegarse ás cancións dunha banda que forma parte da túa propia educación musical e, en lugar de tratalas como pezas intocables, atreverse a desmontar, deformar e reconstruílas.
Ao abeiro de Ernie Records e Tremendo Audiovisual, esa relación toma forma nun split que recupera ademais un formato tradicional entre bandas amigas: compartir disco, prestarse cancións e comprobar que pasa cando cada unha deixa de ser propietaria absoluta do seu propio repertorio.
DÚAS BANDAS, OUTROS CORPOS
O EP xa está fóra, pero Outros corpos non remata no estudio nin no vinilo. Grande Amore e Ataque Escampe presentarán o proxecto este domingo 25 de outubro no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela, nunha cita especial que trasladará ao escenario o intercambio de repertorio que dá sentido ao traballo.
Será un concerto dobre no que os directos das dúas formacións funcionarán con vasos comunicantes e no que estas novas versións atoparán o lugar para o que tamén foron pensadas: diante do público. Máis que reproducir o disco, a noite permitirá ver como ese roubo de corpos continúa cando as cancións volven cambiar de contexto, esta vez sobre o escenario.
A presentación será tamén o punto de encontro definitivo dun proxecto construído arredor dunha relación que xa existía antes das gravacións. Dúas bandas amigas, catro cancións roubadas e unha noite para comprobar en directo que queda delas despois de pasar por outros corpos.
A cita forma parte de Fiestra Aberta, ciclo desenvolvido por Compostela Cultura co apoio do Consorcio de Santiago, e terá lugar no Auditorio de Galicia. As entradas están á venda tanto online como no despacho de billetes da Zona C.



