Así será o espectáculo poético e musical co que a Deputación da Coruña conmemorá a Luísa Villalta o 15 de maio

Yolanda Castaño, Dores Tembrás, Janet Novás, Mercedes Peón, Elena Vázquez Ledo, Hugo Gómez-Chao, Adriana Aranda, Eva Vieites, Lulavai e a Orquestra Infantil da Sinfónica de Galicia uniránse o 15 de maio nun espectáculo poético e musical arredor d’A música reservada, o primeiro poemario publicado por Luísa Villanta, a honrada este ano no Día das Letras Galegas.

A gala celebrarase no Teatro Colón da Coruña, ás 19.30 horas, conducida polas poetas Yolanda Castaño e Dores Tembrás. Tomando como punto de partida o prólogo d’A música reservada, o primeiro poemario publicado por Villalta, seis artistas inspiraranse para compoñer pezas musicais e performativas que dialogan intimamente co corpo e co mundo sonoro da escritora: Janet Novás, Mercedes Peón, Elena Vázquez Ledo, Hugo Gómez-Chao, Adriana Aranda e Eva Vieites. Tamén subirán ao escenario o cuarteto de arpas célticas Lulavai e a Orquestra Infantil da Sinfónica de Galicia. As entradas, de balde, na billeteira do teatro desde media hora antes do comezo da gala. Esta gala, que se celebrará no Teatro Colón da Coruña, únese a outros actos que ten preparadas a área de Normalización Lingüística da Deputación de Coruña.

Programación anual arredor de Villalta

As propostas do programa espallaranse ao longo de todo ano. Haberá, por exemplo, 20 obradoiros sobre Luísa Villalta, con especial fincapé na perspectiva de xénero, en centros de Primaria e Secundaria da provincia. Impartiranos María Canosa, Estíbaliz Espinosa, Eli Ríos, Maribel Loureira, Chisco Fernández Naval, María Cazar e Eva Veiga. Ademais, un de escritura creativa, que xa se comezou en Santiago, conducido por Marga Doval.

No programa, destacan tamén 17 contadas infantís en diferentes localidades coruñesas, nas que se repartirán 300 exemplares de Tinta do mar, biografía de Villalta asinada por Polo Correo do Vento e ilustrada pola artista plástica Tania Solla.

Distribuiranse  300 exemplares da novela de Villata As chaves do tempo —reeditada por Cuarto de inverno logo de ano fóra de catálogo— nas actividades organizadas pola Deputación, bibliotecas e axencias de lectura de toda a provincia. Ademais da realización dunha peza audiovisual sobre a vida e obra de Villalta, con intervencións de persoas que a coñeceron ben. O vídeo compartirase na web da Deputación.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego