O Teatro Colón da Coruña vibrou ao ritmo da Festa Bravú, que acolleu o documentario BRAVÚ XXX de Nós Televisión, grazas ao apoio do Concello da Coruña e o enorme talento, traballo e enerxía de figuras fundamentais da nosa historia (cultural) como Xurxo Souto, Sés, Nuno Pico, Xosé Manuel Pereiro, e todos os talentos bravús de Antón dos Papaqueixos, Rafa do Caimán do Río Tea, Benxa dos Impresentables de Vimianzo e, por suposto, Richi dos Rastreros de Chantada.
Traémosvos unha escolma do sucedido nesta festa grazas ás imaxes de Xosé Antón Bocixa de Tingalaranga Adiovisual.
Éxito no Teatro Colón
A festa arrancou coa proxección do filme documental realizado por Nós Televisión #BRAVÚXXX onde se entende o movemento Bravú desde a súa dimensión colectiva e de país, visitando aquela efervescencia cultural dos anos 90 do rock en galego desde as olladas de diferentes xeracións e desde os diferentes territorios do noso país.
Este filme documental en forma de road movie, que conta coa presentación de Xurxo Souto, e actuacións de múltiples artistas, estará dispoñible en Nós Televisión o vindeiro 11 de decembro.
Neste filme non só se narra o talento que foi senón o que haberá xa que conta coa actuación do incipiente grupo pontevedrés das Rager nacidas ao abeiro da #XeraciónSónica que tocaron recentemente, xunto coa Orquestra Bravú Xangai, no Culturgal grazas ao apoio do Concello de Pontevedra.
Ademais, Bravú XXX percorreu a provincia da Coruña a través de 25 concellos dentro do programa Outono das Artes da Deputación da Coruña. Viaxou con pases especiais nos municipios de Santiago, Carballo e Chantada graza sao apoio destes concellos.
Grazas a todas as entidades, colectivas e persoas que fixestes posíbel este filme documental e esta distribución popular pensada por, para e coa xente.