O Museo Provincial de Lugo recibiu 44.870 visitantes ao longo do ano 2024 , un 18 por cento mais que en 2023, cando se rexistraran 37249 visitantes. Xuño, xullo e agosto concentraron o 40 por cento das visitas.
O primeiro mes do verán -coincidindo coa exposición temporal da “Sibila” de Velázquez – , e os meses de febreiro -coa mostra “Eu son. A memoria das rapadas” e as actividades polo Día de Rosalía – e novembro – coa exposición conmemorativa do centenario da revista lucense Ronsel – rexistraron os maiores incrementos de visitantes respecto da anualidade anterior (máis do 50 por cento).
No tocante á procedencia, 4 de cada 10 persoas que visitaron o Museo eran da cidade de Lugo e do resto de Galiza. O 44 por cento chegaron doutros puntos do Estado, e un 15 por cento do estranxeiro.
De Sibila á arte feminina contemporánea
As cifras ofrecen o balance cuantitativo dun ano marcado pola exposición temporal de “Sibila” de Velázquez, procedente do Museo del Prado, que puido verse no refectorio do Museo lucense do 11 de xuño ao 7 de xullo no marco do proxecto “El arte que conecta” e por unha actividade expositiva propia centrada na arte feminina e contemporánea.
Á citada mostra sobre a memoria das mulleres rapadas durante a ditadura franquista das artistas catalanas Mónica e Gema Del Rey Jordá, súmase a exposicion “As 7 e 7” con obras de sete artistas galegas emerxentes que interpretaron obras doutras tantas artistas consagradas expostas no Museo, tamén no primeiro trimestre do ano, ou á mostra escultórica “Emocións” de Soledad Penalta, de abril a setembro.
O apoio á creación feminina complementouse coa adquisicion dunha decena pezas de mullleres artistas, entre elas a peza “Visibilidade” de Penalta, que simboliza a loita das mulleres por alcanzar a igualdade e o recoñecemento en distintos eidos.
O Museo tamén valorizou a creación artística lucense coa mostra “Ronsel, 100 anos despois”, promovida pola Fundación Vac-An, sobre o centenario a revista fundada por Evaristo Correa Calderón, referente dos discursos artísticos das vangardas artísticas.