‘As que limpan’, gañadora dos XXVII Premios María Casares

A Panadería con ‘As que limpan’ e Producións Teatrais Excéntricas con ‘O porco de Pé’ foron as grandes premias nestes XXVII Premios de Teatro María Casares. Un total de 15 espectáculos aspiraban a facerse con algún dos 16 galardóns nos que se dividen os premios. En total, nunha noite moi repartida, nove espectáculos gañaron algún premio. As que limpan, de A Panadaría, conquistou catro galardóns: espectáculo, actriz protagonista (Noelia Castro), dirección e texto orixinal (nestes dous apartados recoñécese de forma conxunta a Areta Bolado, a Ailén Kendelmán e a Noelia Castro).

Pola súa banda, O porco de Pé, montaxe de Producións Teatráis Excéntricas, conquistou tres galardóns (adaptación-tradución para Quico Cadaval e Pepe Sendón, vestiario para Carlos Alonso e actor secundario para Evaristo Calvo), mentres que Smoke on the water, de Ibuprofeno Teatro, se fixo con dous (espazo sonoro para Mon Orencio e actor protagonista para Josito Porto). Outros dous María Casares acadou Ás oito da tarde, cando morren as nais do Centro Dramático Galego (espazo escénico para Blanca Añón e dirección de movemento para Rut Balbís, este último ex aquo). O deus do pop, de Diego Anido, tamén acadou dous galardóns (Iluminación para Montse Piñeiro, Raquel Hernández e Pedro Fresneda e dirección de movemento para o propio Diego Anido e Guillermo Weickret, este último ex aquou)

Tïteres Cachirulo coa súa obra Xela contra o dragón Traga-Verbas gañou na nova categoría de monicreques, obxectos e figuras animadas. No apartado de espectáculo infantil, foi a compañía Caramuxo Teatro quen triunfou coa súa obra A nena que vivía nunha caixa de mistos. A relación de espectáculos premiados completouse con dúas obras que gañaron un galardón cada unha: Papagena, de ButacaZero (maquillaxe para Diego Valeiras) e A peste, do Centro Dramático Galego (actriz secundaria para María Roja).

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego