A Coruña será un ano máis a capital universal do mundo do cómic. Do 7 ao 13 de agosto, celebrarase na cidade a 26º edición da mostra internacional Viñetas desde o Atlántico. O ilustrador coruñés Manel Cráneo asina este 2023 o cartel desta cita de referencia, que contará con seis grandes exposicións, ademais de charlas, visitas, firmas de libros, proxeccións de cinema, música e obradoiros para profesionais e público infantil.
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presentou un avance da programación desta edición número 26 de Viñetas desde o Atlántico. “Será unha edición moi especial, pois tras un cuarto de século este festival toma un novo rumbo impulsado e organizado polo Concello da Coruña da man do sector do cómic coruñés, cunha programación exclusiva e de gran nivel internacional”, sinalou a rexedora.
As grandes pioneiras do cómic en España serán as protagonistas de Viñetas 2023. O festival reunirá a figuras como Laura Pérez Vernetti, Alberto Vázquez, Teresa Radice, Stefano Turconi, Isa Feu, Marta Guerrero, Marika Vila ou Elisa McCausland, ademais das homenaxes a Calpurnio Pisón e Francisco Ibáñez. Viñetas desde o Atlántico poñerá tamén en valor o rico ecosistema autoral local coa mostra colectiva BD na Coruña que bonita é. Banda deseñada creada desde A Coruña, e contará, así mesmo, coa súa xa clásica “Rúa da Banda Deseñada”, que acolle expositores de editoras e librarías de prestixio de toda España.
Este 2023, Viñetas desde o Atlántico propón unha edición que dá voz e presenza ás mulleres no mundo da banda deseñada. Unha edición que rende unha merecida homenaxe a figuras recentemente desaparecidas. Unha edición que abre xanelas ao mundo da animación, consciente, precisamente, do grandísimo traballo que se está a realizar desde A Coruña. Unha edición que busca a diversidade e que pon en valor as autorías locais, erixíndose como o paraugas que arroupa todo o que sucede na cidade ao redor deste rico xénero. Esta é, tamén, unha edición que busca aumentar a presenza do público infantil e familiar con accións participativas.
Nesta nova etapa, Viñetas propón un novo modelo de xestión -impulsado e organizado polo Concello da Coruña en colaboración co sector-, mantendo a aposta pola excelencia e abríndose a novas formas de facer e de mirar. É por iso que o seu protagonismo recae nas autorías locais -agrupadas nos colectivos Coruña Gráfica e Autobán- e nas autorías femininas, que teñen unha presenza maioritaria na cita.
O corazón de Viñetas
Un ano máis, o Kiosco Alfonso será o corazón expositivo de Viñetas desde o Atlántico. A esta sala municipal súmanse outras como PALEXCO, o Palacio Municipal, A Casa Museo Picasso ou Casa Cultura de Salvador de Madariaga. Todas as exposicións estenderanse no tempo máis aló da celebración da propia feira, desde o 7 de agosto até o 10 de setembro.
Na Sala de Exposicións de PALEXCO o público poderá visitar dúas mostras das que este novo Viñetas está especialmente orgulloso: a primeira homenaxe expositiva ao recentemente finado Calpurnio, universalmente coñecido como o autor de El bueno de Cuttlas, a tira cómica que durante anos ilustrou El País Semanal. A exposición Homenaxe a Calpurnio componse de preto de 200 orixinais, ademais dun centenar de obxectos de culto, como libros, cómics, portadas de discos e secuencias das súas películas.
A segunda exposición da que poderemos gozar en PALEXCO exemplifica a evolución de Viñetas como plataforma que integra novas linguaxes e que aposta polo talento local: Alberto Vázquez: do cómic á animación é unha oportunidade única para mergullarse no universo artístico deste multipremiado creador coruñés -gañador do Goya en 2023 pola súa longametraxe de animación Unicorn Wars- e a súa riquísima imaxinación, a través de orixinais das súas bandas deseñadas e detalles dos seus procesos de animación.
O Palacio Municipal expoñerá por primeira vez na Coruña o traballo dos italianos Teresa Radice e Stefano Turconi, considerados como dous dos autores máis relevantes no panorama europeo da Novena Arte. A exposición Las chicas del Pillar. Poniendo rumbo a nuevas aventuras: cómo nace una historia de cómic propón un discurso expositivo continuo, artístico e didáctico, que mostra, mediante orixinais, o proceso creativo dun dos cómics máis celebrados dos creadores: Las chicas del Pillar.
Inmersos aínda na celebración do Ano Picasso, a súa casa museo na Coruña súmase á celebración de Viñetas desde o Atlántico e acollerá unha exposición de poesía gráfica de Laura Pérez Vernetti, considerada como unha das mellores historietistas españolas, gañadora en 2018 do Gran Premio do Salón del Cómic de Barcelona. Con ela, Viñetas ábrese a un dos xéneros máis novos do cómic actual, a poesía gráfica, coa exposición VIVE LA VIDA e outras poesías gráficas de Luis Alberto de Cuenca. Por Laura Pérez Vernetti, un traballo sobresaliente e dunha sensibilidade única, coa que a artista capta o universo interior dun dos nosos máis lúcidos creadores literarios.
Mención especial merece a mostra chegada do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía Mujercitas del mundo, ¡uníos! Pioneras del cómic underground adulto, que descobre o traballo das grandes pioneiras do cómic en España, desde a Transición ata a actualidade, con nomes tan significativos como os de Núria Pompeia, Rosa Lleida, Sara Presutto, Montse Clavé, Isa Feu, Mariel Soria, Marika Vila e Laura Pérez Vernetti , entre moitas outras autoras imprescindibles.
Na cita non faltará tampouco un vivo escaparate do panorama actual da historieta na cidade, cunha exposición que abre unha nova liña de traballo para Viñetas: BD na Coruña que bonita é. Banda deseñada creada desde A Coruña, comisariada por Manel Cráneo -autor do cartel desta 26º edición da mostra-. A través dos orixinais de 25 autores e autoras locais, a exposición é unha fotografía que ensina unha instantánea diversa e variada en técnicas e estilos e que poñe en valor unha riquísima escena local da que podemos presumir con orgullo.